|
|
|
Pinchar para ver la portada ampliada
→
 |
Casa-Museo de Rosalía de Castro
Padrón. 29 de xullo de 2005
Presentación “O Carlismo Bovediano”
Sr. Conselleiro,
autoridades, amiga Sara, donas e cabaleiros, queridos amigos. Boas
tardes.
Permítanme, primeiramente, que lles traslade a miña desbordante e
contaxiosa ledicia porque hoxe vese cumprido o derradeiro soño dun home
que nos deixou sen que lle deramos permiso.
Carlos
Bóveda, o meu ilustre amigo da faciana serea, hai un ano decidiu
reencontrarse con Rei Romero, con Laxeiro, con Piñeiro Ares e con tantos
outros grandes amigos ós que certamente añoraba.
Hoxe as
xentes do Ullán, e tamén fago miña a reivindicación toponímica das
Terras do Ullán do patriarca Otero Pedrayo, amósanse satisfeitas por
veren reflectido un vello anceio. Debemos homenaxear en vida ós
merecentes, xa que logo a morte sen escrúpulos non ten recomendados e
pode privarnos de facer realidade moitos soños como é a publicación do
que eu defino como “catálogo biográfico bovediano”.
En
termos culturais, e máis en concreto en analítica pictórica, qué razón
tiña Nietzsche cando sentenciou que somos reais, alleos á fe e á
superstición.
Deste
xeito é como se debe contempla-la obra de Carlos Bóveda, desde unha
pulcra asepsia -que non se entenda que aplico o método socrático- fóra
dos círculos, en ocasións escandalosamente contaxiados, da
administración e dos circuítos culturais.
Permítanme que lles pida que me comprendan; os meus amigos máis cercanos
saben do meu anarquismo ligth cun punto medido de respectuosa
insolencia, en consonancia ás ideas de Carlos. Invítoos a que tomen esta
reflexión como unha herdanza do artista.
Á marxe
de escolas, tendencias, influencias, ataduras ou definicións, Bóveda foi
un senlleiro autodidacta capaz de plasmar unha estampa enxébrica coa
sutileza da saudade.
Facendo
bo o pensamento de Azaña, a liberdade non fai felices ós homes,
sinxelamente fainos homes, e Bóveda fíxose home pintando e expresándose
libremente.
Como
dixo Víctor Hugo, non hai nada máis poderoso que unha idea á que lle
chegou o seu tempo; ou Noel Clarasó, as grandes ideas son aquelas das
que o único que nos sorprende é que non se nos teñan ocorrido antes; ou
Xulio Verne, todo o que unha persoa pode imaxinar, outras poderán facelo
realidade...
Queridas amigas e amigos, reclamo do Concello de Padrón, da Deputación
Provincial e dos novos responsables da Xunta de Galicia a creación dun
espazo onde a Fundación Carlos Bóveda expoña permanentemente a obra do
insigne padronés, un lugar onde se dea vida ás inquedanzas culturais dos
artistas ullaneses e que sirva de foro aberto ás novas tendencias da
cultura. Padrón precisa deste marco para a evidente eclosión artística
que estamos a vivir.
Como un
máis, vaia por diante o meu compromiso de doa-las gravacións das
conversas que mantiven co artista nos seus últimos tempos de vida. Horas
de lembranzas, de olladas retrospectivas, de ilusións...
Quixera
pensar que o cambio político non vaia trae-la longa noite de pedra de
Celso Emilio e que os acenos non leven consigo rancores propios de
tempos pasados.
Os que
teñan responsabilidades que reparen en que Carlos Bóveda foi, como diría
o bardo Pondal, bo e xeneroso. Debemos, pois, e así o facemos, reclamar
aquilo que consideramos xusto.
Debo ir
concluíndo, pero non podo facelo sen un pequeno aceno á miña familia por
permitirme obvia-las miñas obrigas familiares contractuais durante un
tempo para poder dedicarme por enteiro a esta obra.
Non
podo negarlles que este, o meu cuarto libro publicado, ten un dobre
fondo nada agradable. Se os tres libros anteriores e o quinto que
publicarei a primeiros do próximo ano significaron momentos de contida
ledicia e mesmo de viciosa vaidade, este libro lémbrame a un amigo do
que xa non podo gozar da súa presenza.
Posto a
facer matices, debo comentarlles tamén que a publicación deste libro é
casual no tempo, que non hai oportunismo ningún coincidente co
aniversario do pasamento e que lamentablemente, por diversos motivos,
tivemos que agardar ata hoxe para presentalo.
Cómpre
subliñar que este libro gozou da supervisión do propio Carlos en vida
pero a súa delicada saúde non lle permitiu ve-lo publicado. |