O CORMORÁN

Juan J. MORALEJO
Licenciado en Truchología, Universidad del Deva
Doctorado en Reología, Universidad del Tambre
Académico Correspondiente de la
Real Academia de Truchografía y Reoscopia de Leningrado
Medalla de Paciencia y Cero de Honor en Teoría Básica del Salmón

Entrega de Premios TRUEIRO 2010
Padrón, O Pementeiro, 03.12.2010


O Excelentísimo Señor Duque do Sar, de solteiro “noivo de Encar”, sabe ben que eu pago por que me deixen falar e tamén
sabe Miguel, se me quero botar fóra de compromisos oratorios, teño de sempre o recurso a pronunciar soamente tres palabras, tres: Bilbao, pescadilla, camión. Pero esta ocasión dos premios de Trueiro no ano 2010 é un compromiso entrañable no que Miguel sabe que tres palabras non abondan e que, indo xa por diante Bilbao, pescadilla e camión ¡faltaría mais!, voume alongar ata o par de folios nos que, ademais da reseña cordial da festa na que andamos, vou facer memoria e morriña dun dos paxaros dos que hai tempo vou namorado, vouvos falar do cormorán, unha das miñas debilidades cordiais, cardíacas... e mesmo hepáticas e intestinais...
Os de Trueiro, con Alberto Torres
e Miguel Piñeiro no temón, levamos xa tres anos no labor de facer algo serio pola pesca deportiva e pola súa regulación, conservación, mellora, etc., ademais de que as páxinas do periódico nos sexan prolongación dos bos momentos polas veiras de Tambre, Ulla, Mandeo, etc. Momentos que sempre son bos, inda que poderían mellorar mais dunha vez coa colaboración de esas fermosuras con pintas e que hai días que se poñen  tan, tan, tan... ríspetas e ausentes que un sinte as gañas de lle dicir ¡Ti non me fagas caso a min, que axiña virá o cormorán ou a londra a che facer as veiras!
Trueiro ten a satisfacción de que a Federación Galega de Periodistas Deportivos lle recoñeza o seu traballo necesario, ben feito, con eco no mundo dos tolos pola troita e outras belezas dos seis mil ríos ¡seis mil, non os mil do tópico! que temos que defender contra desaprensivos que, cando nenos eran cabritos, pero agora xa se licenciaron e maduraron a auténticos cabróns, cabróns esféricos, é dicir, que mires por onde os mires, son cabróns sen falla nin chata.
E Trueiro sai adiante coa axuda de marcas, industrias e comercios, unha axuda decisiva, que vai para arriba e que agradecemos de corazón porque significa interese por que o noso grorioso vicio siga sendo unha parte non pequena do humanismo intelixente e culto de cabo a rabo porque ama e respeta a Natureza na que estamos de prestado.
E o Trueiro que recibe premios tamén ten autoridade para dar os seus, nos que agora non farei outra cousa que adxuntar a miña felicitación, a miña aperta cordial a todos os premiados. Non me podo deter en todos, un por un, pero todos van asentir en que faga mención especial de O Ranqueiro e a súas xornadas Pescadubra que superan barreiras e poñen os discapacitados a gozar con todos nós dos ríos e dos peixes: velaí un órdago ó que dicíamos de que a pesca é humanismo intelixente e culto.
E imos falar xa no asunto do cormorán, que ten méritos propios mesmo para ser representante de carpas, visóns, cangrexos americanos, gaivotas, pombas e outras xentes que están fóra de lugar, fóra de cuota, ou fóra de ambas cousas no noso medio natural... e tamén urbano.
O fondo da cuestión é que o Homo sapiens en toda boa e necesaria novidade con que remedia desfeitas culturais e naturais pon xa desde o primeiro momento unha afección que vai dar no exceso e na imprevisión do que proxecta e dos seus resultados, non sempre bos. No caso dos cormoráns a protección freou a súa masacre, pero agora o exceso proteccionista ten consecuencias negativas para outras especies animais, en concreto salmóns, reos, troitas, anguías,lampreas... O problema está en que, ben sabidas esas consecuencias negativas, a autoridade, que por inercia dicimos competente, tome medidas que non sexan a negativa ríxida a recortar especies sobreabundantes e ameaza para outras e tamén para actividades cultas e lexítimas do home.
O cormorán é unha ave (din que mariña) da que o primeiro que me molesta é o seu nome científico, Phalacrocorax, é decir, no meu grego antigo, un corvo calvo, porque os calvos somos xente normal e non andamos nin a pescar nin a comer nun so día o que pesamos, que é o que fai ese corvo calvo. Proteger rixidamente a poboación excesiva dun animal que pode engulir diariamente 3 ou 4 quilos de troita, semella disparate incompatible con tanta boa prédica ecolóxica de pesca sen morte, vedas e vedados, coutos con limitación de número de canas, proibición de certos cebos e calibres do sedal, tallas e cupos das capturas, etc.
O cormorán, que dá xenio velo no mar e ben merece o monumento que ten en A Lanzada, dá noxo cando, famento e mais prolífico que un batallón de coenllas, remonta esteiros e correntes ata chegar a augas tan pouco mariñas coma as Serranías de Gredos e Ávila, os Pirineus desde Navarra a Cataluña, o Sistema Ibérico alá por Soria e Teruel, etc. etc. etc. para ser especie dobremente alóctona, que é o que en teoría hoxe rexeita e combate o ecologismo sensato. Dobremente alóctona porque no meu grego antigo esa palabra significa dúas cousas: a especie que ven doutras terras ás que non son súas e a especie que mata outras especies, que acaba con elas.
Aínda por riba, din que os cormoráns producen unha cantidade diaria de merda tan corrosiva que, pousados en bandadas sobre as árbores, acaban con elas secas ou podres. En definitiva, das moitas especies que o cormorán ten, a única que a día de hoxe non me ten chata é o Phalacrocorax Harrisii, que ficou relegado ás Illas Galápagos, alá no Pacífico, e ten as ás atrofiadas, de xeito que non hai medo de que nos apareza por aquí... ¡E deixa estar e meigas fóra, que as carpas non chegaron a Tambre, Miño, etc. elas soas, sen desaprensivo papón do carallo que as botase!
Esoutro día falaba eu cun excelente pescador e firme ecoloxista que ten responsabilidades nun coto de troitas que os cormoráns lles están fornicando a ciencia e paciencia da autoridade manifestamente incompetente. Non é o único caso que coñezo de pescadores que poñen cartos, traballos, entusiasmos nun coto que queren ter e usar nas millores condicións ecolóxicas posibles, pero van dar contra o talibanismo dunha autoridade incompetente, que lles autoriza a chorrada de que, previa notificación e en presencia fiscalizadora de axentes desa autoridade, boten tres ou catro tiros ó aire para espantar os cormoráns, que, como ben sospeitades, non tardan nin cinco minutos en volver ó choio.
Dicíame o meu amigo que algunha vez morre algún cormorán co susto do tiro e deume unha idea: levar ó couto e lerlles por altavoz o que di e dispón esa autoridade. Supoño que pode haber baixas a encher, pero tampouco non descarto que os cormoráns non morran, se poñan cachondos cas bobadas que escoiten e ó final a poboación se dispare xeométricamente...
En fin, vaia hoxe o cormorán de exemplo de políticas medioambientais con radicalismo que necesita unha boa axeitada porque é insensato de mais.
Gracias.

volver al índice del doctor