|
Hai moitos anos... de cando os grandes cañeiros das terras
do interior en Ourense e os grandes pescantíns de troitas, cando as
pescatas eran pescatas de verdade, de tal xeito que as novas corrían polas
cantinas coma se os mesmísimos contos os levara o afiador e paraugueiro
porta por porta.
Daquela tamén chegaban noticias dos salmóns e das troitas de mar que tan
difíciles eran de pescar e que tanto misterio gardaban pois ninguén sabía
de onde saían nin onde ían.
Eu lembro que preguntei por estes peixes e que me contestaron que non o
pescaría ata que me saíse a barba, pois un pescantín de troitas non era
quen de ir pescar tales peixes; así foi como, nin curto nin preguiceiro,
fun mercar unha máquina de barbear para apura-lo crecemento; máquina que,
por certo, paguei a prazos.
Aquelo resultou verdade, pois cando me decidín a intentar pescar un peixe
daqueles tardei varios meses e non foi porque non soubese utiliza-la miña
culleriña senón porque o peixe era mais listo ca min polo que tiven que
aprender cousas que antes non tiña en conta. Ía pescar un “reo”.
Hoxe, para moitos pescadores de troitas coma min, segue sendo un
quebradeiro de cabeza pescar un reo, mesmo tendo unha barba ben abondosa,
e imos tra-lo reo coma posesos, cargados de aparellos, trebellos e todo o
que faga falla para pescalo.
Teño amigos, que adican gran parte do seu tempo e polo tanto da súa vida á
pesca do reo pero calquera diría que todo o tempo lles semella pouco pois
todo son presas, ansiedades e nervios para moitos días volveren “bolos”.
Hai pouco tempo que me decatei do que aquel cañeiro me quiso dicir co
conto da barba: tiña que botarlle tal dose de paciencia que me sairía
barba. E así foi.
De xeito que cando un pescantín novo me pregunta po-lo reo, respondo coma
o meu bo amigo Carlos Cartón:
- “O Reo e a nai que o pariu”. |