Cambios no protocolo de solicitude para o sorteo de cotos

Os alleos aos procesos de xestión da Administración consideramos que os cambios que se producen para a tramitación de calquera xestión sempre van encamiñados a facilitar e/ou facer mais transparentes estes procesos.
Se cadra é o noso descoñecemento o que non nos deixa ver as vantaxes que se producen cos cambios que se introduciron este ano para as solicitudes dos sorteos de permisos de pesca.
En anos anteriores a través da web de Medio Ambiente abondaba con introducir o DNI e o número de licenza de pesca para habilitar un sinxelo procedemento que non tiña perda.
Agora, non sabemos en aras a qué, ao introducir o DNI e o número de licenza dá a opción de optar por servizos privados ou públicos que para o caso é o mesmo: en ámbolos dous casos o solicitante vai ser redireccionado a unha mesma páxina, na que hai que encher un sinfín de campos con datos do solicitante que xa ten a Consellería. Nada menos que tres folios por solicitante.
Sempre queda a opción de facelo mediante a solicitude en papel, mais neste caso a situación aínda se volve máis kafkiana: encher os tres folios cos datos que se solicitan, imprimir cada un deles por partida dobre, levarllos ao funcionario de turno, para que este unha vez recepcionada a solicitude insira os datos novamente en internet. Se a petición se fai de maneira colectiva, lóxicamente, multiplícanse os datos do formulario. E aínda nos queda a dúbida de como se vai remitir o aviso aos solicitantes cando chegue o momento da elección.
En definitiva, queremos expresar o noso desexo de que as mudanzas nestes procedementos se fagan pensando en facilitar os trámites aos usuarios sen que por iso se vexa minguada a transparencia nos mesmos. Pensamos que, neste caso, os cambios introducidos non van nesa dirección, porque introduce unha complexidade innecesaria no proceso de solicitude que pode ser un atranco para moitos usuarios á hora de participar.
Melide, 5 de novembro de 2016
Asdo. Xavier Pazo Blanco
Presidente Asociación Troiteiros Río Furelos

volver a índice de especiales