Campionato Terra de Melide

O sábado 9 de abril disputouse nas augas do río Furelos (Melide e Toques) o XI Campionato de Pesca organizado pola “Asociación de Troiteiros Río Furelos”.
Reuníronse ás 7,30 da mañá, na Churrería O Burato de Melide, os 15 participantes escollidos por sorteo entre os 117 inscritos.
Alí, despois do preceptivo chocolate con churros, procedeuse ao sorteo dos tramos de río (650 metros) que ocuparía cada troiteiro, todos con cadanseu xuíz.
Nunha mañá fría, chuviosa e bretemosa e co río con augas altas e frías, cadaquén ía cavilando nas estratexias necesarias para contrarrestar coa máxima habelencia as inclemencias do tempo.
Ás 8,30 deu comezo a competición e rematou coa concentración dos participantes para xuntárense todos na praia fluvial ás 13,30.
Mentres a organización os agasallaba cuns pinchos, levouse a cabo o reconto e medición das capturas. Rematados os labores de control por parte de representantes da Asociación o resultado da competición foi o seguinte:
En total, pescáronse 84 troitas da medida, aumentando o número de capturas con respecto do ano pasado así como na peza de maior tamaño.
Clasificación final:
1º- Emilio Manuel Gómez Vázquez de Melide, 10 troitas.
2º- Carlos Lamas Rodríguez de Sobrado, 7 capturas.
3º- Ainhoa Alonso Nuñez de Lugo, 7 troitas.
Trofeo á peza maior: Luis Carlos Frade Prado (38,5 centímetros).
Trofeo ao participante de maior idade: Jose Antonio González Mejuto, 5 troitas.
Trofeo Lina Sport: Rubén Gómez Lodeiro, 6 troitas.
Na mesma Praia Fluvial tributóuselles un recoñecemento simbólico aos gañadores, porque a entrega de premios tivo lugar despois do xantar na Pousada Chiquitín de Melide.
Ademais dos premios aos triunfadores, tanmén houbo agasallos para todos os participantes.
A directiva da “Asociación de Troiteiros Río Furelos”, manifesta a satisfacción polo desenvolvemento do campionato, o extraordinario comportamento dos participantes e a profesionalidade dos xuíces que controlaron todo o proceso.
En nome da Asociación, o seu presidente, Xavier Pazo, felicita publicamente aos gañadores e a todos os participantes e anima ás mulleres para que participen nestas actividades. Pazo agradece, máis unha vez, o esforzo de institucións, Gardería do Servizo de Conservación da Natureza, empresas e particulares que colaboraron na organización do campionato de pesca.

volver a índice de especiales