Hector Suárez gañou o Open de Pesca a Mosca Río Furelos
O sábado, 6 de maio, tivo lugar nas augas
do río Furelos (Melide-Toques) a primeira edición do Open de Pesca a
Mosca organizado pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos”.
Pescadores de distintas partes de Galicia; de Santiago, Pontevedra,
Vigo, Lugo... devecían por participaren, de tal maneira que houbo
que solicitar unha ampliación de permisos.
O certame comezou ás 7,30 h. da mañá na
cafetería Apetece, onde se reuniron os participantes que a deusa
Fortuna escolleu de entre todos os inscritos. Alí, despois do
preceptivo café, procedeuse ao sorteo dos tramos de río (600 metros)
que ocuparía cada troiteiro, todos con cadanseu xuíz. Recibidas as
derradeiras instrucións por parte da organización, a comitiva
encamiñouse ao Furelos coa arela de que o río fose farturento nun
día tan sinalado. Había unha incógnita que a máis de un lle rebulía
nos miolos: en principio, unha mañá menos calorosa e un ventiño do
sur parecían querer avisar dun cambio de tempo máis acaído coa
estación.
Ás 8,30 deu comezo a competición e rematou
coa concentración dos participantes ás 13,00 h.
Xantar na parrillada O Carburo de Toques,
para deseguido as 16:30 h. dar comenzo a terceira e cuarta manga,
sempre a tramo descansado.
O resultado da competición foi o seguinte:
Campión: Hector Suárez de Sober
Segundo: Isaac Montiña de Vila de Cruces
Terceiro: Javier García de Vedra
O premio pola mellor captura foi para
Javier García cunha troita de 26,8 cm.
A cea e a entrega de premios foi no Hotel
Carlos 96
de Melide.
A directiva da Asociación de Troiteiros “Río Furelos”, que en todo
momento levou a cabo labores de tipo loxístico, fica moi satisfeita
polo impecable desenvolvemento do campionato, o extraordinario
comportamento dos participantes e a profesionalidade dos xuíces que
colaboraron desinteresadamente nesta competición deportiva.
Asemade, en nome da Asociación, quero rematar este comunicado
felicitando publicamente aos gañadores e, en xeral, a todos os
participantes, agradecendo, máis unha vez, o esforzo de institucións,
empresas e particulares que colaboraron na organización deste
evento.
O Presidente da Asociación de
Troiteiros “Río Furelos”
Xavier Pazo Blanco
Melide, maio de 2017 |