Xornada de Limpeza no río Baleirón

O sábado 27 de febreiro, tivo lugar en Rois a segunda xornada de limpeza dos ríos que cada ano organiza o Clube de Pesca Deportiva Londra.
Neste caso foi a quenda do río Baleirón, pertencente ao couto de pesca de Rois.
Nun sábado no que realmente facía moito frío, chovía e no que evidentemente non faltaron nin os traxes de auga nin as botas de goma, os anceios dos socios de Londra e dos colaboradores alleos ao clube, fixeron que fose posible a xornada de limpeza.
Reunidos na Ponte de Basa, en Rois, ás 16:00 h, repartíronse por parellas en diferentes tramos do río e armados con bolsas de lixo.
En dúas horas recolleron 110 quilos de lixo, na súa maioría plásticos e latas.
Logo desta dura xornada, como é habitual, todos aqueles que participaron foron convidados por xentileza do Clube de Pesca Londra a unha reparadora merenda.
Este ano como novidade o clube tamén está a preparar unha xornada de limpeza para o mes de setembro, en principio está pensada para o día 10. A intención desta xornada será recoller lixo do fondo do cauce, pois polo de agora, só se puideron recoller das veiras de ambas marxes por mor do caudal do rio e da forza da auga.
Dende o Club de Pesca Deportiva Londra agradécese a colaboración de todos os participantes das xornadas de limpeza nos ríos de Rois.

volver a índice de especiales