MODIFICACIÓN NAS NORMAS DOS SORTEOS DE SALMÓN

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se modifica a Resolución do 11 de outubro de 2017 pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2018.

Segundo o disposto no artigo 34 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Conservación da Natureza, segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para cada tempada, logo da adxudicación de cotas diarias para concursos deportivos oficiais e do sorteo de cotas diarias para entidades colaboradoras.
A distribución de permisos posterior aos sorteos adoita realizarse en tres fases: primeira venda, segunda venda e venda libre.
En tempadas anteriores comprobouse que na segunda venda de permisos dalgúns sorteos mantense unha alta demanda de permisos e unha intensa actividade nas conexión á páxina web nos primeiros momentos de activarse a venda. Por este motivo, na xuntanza ordinaria do Comité Galego de Pesca Fluvial do 25 de outubro de 2017 considerouse como mellor opción operativa realizar unha segunda venda de permisos de salmón con quendas semellantes ás que se establecen na primeira venda. No acordo que se adoptou na citada xuntanza, estableceuse que esta segunda volta será realizada en orde inversa respecto da primeira, obtendo así máis opcións as persoas participantes menos beneficiadas polo sorteo.
De conformidade co anterior, a norma número 12 da Resolución do 11 de outubro de 2017 pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2018 substitúese pola seguinte:
Segunda venda de permisos.
Unha vez rematada a escolla, os permisos sobrantes e aqueles non retirados nos prazos fixados serán incluídos nun segundo proceso de escolla.
A segunda venda dos sorteos de salmón realizarase en orde inversa respecto da primeira venda. Segundo o establecido no punto 11, Escolla de permisos, desta resolución, poderá realizarse a escolla ben directamente na páxina web pescafluvial.xunta.gal
ou mediante chamada telefónica ao número que se faga público na antedita páxina.
A data de inicio e o rango horario de escolla de cada participante publicaranse na páxina web pescafluvial.xunta.gal.
A segunda venda do resto dos sorteos será unicamente a través da páxina web https://pescafluvial.xunta.gal. O servizo de reserva mediante a internet estará disponible ininterrompidamente para todas as persoas participantes no sorteo a partir da data e hora de inicio que se establezan.
Tres días antes do comezo da escolla publicarase na páxina web indicada o total dos permisos dispoñibles para esta segunda escolla.
As normas, en canto aos grupos de coutos, o número de permisos por grupo e requisitos de acceso, serán as mesmas que na primeira escolla, en todos os casos».
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2017

volver a índice de especiales