Creado o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia

O Consello da Xunta do 26 de xaneiro aprobou a posta en marcha do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia que dependerá da Consellería de Medio Ambiente.
Segundo a Xunta, por primeira vez, se crea un órgano de asesoramento na Comunidade sobre o estado ambiental, económico, social e cultural dos ríos e converterase na ferramenta para obter dun modo transversal e interdisciplinar información periódica e pormenorizada sobre o estado dos ríos galegos.
O Observatorio nace coa idea de contar cunha ampla e equilibrada participación, polo que a súa composición estará conformada por institucións e sectores implicados na conservación e xestión dos ecosistemas fluviais.
A Comunidade galega conta co primeiro Observatorio dos Ríos para poñer en valor o patrimonio natural-ambiental dos case 500 ríos de Galicia. Os ríos galegos son unha rede que suma 32.000 quilómetros de ríos, polo que a creación deste observatorio responde á necesidade de recoñecemento e protección do enorme valor patrimonial, tanto social como ambiental desta riqueza hidrográfica, así como a importancia que teñen na conservación da flora e da fauna que dependen deles.
O observatorio concíbese como un órgano colexiado ao cal, de acordo co principio de colaboración institucional, corresponde o asesoramento sobre o estado ambiental, económico-social e cultural dos ríos da Comunidade Autónoma de Galicia, a elaboración de informes e estudos, e a diagnose e proposta de medidas que axuden a definir as distintas políticas autonómicas de posta en valor dos ecosistemas fluviais de Galicia.
Coa posta en marcha desta ferramenta abórdase este feito dun modo transversal e interdisciplinar para poder obter información periódica e pormenorizada sobre o estado dos ríos galegos, polo que unha das súas funcións será actuar como órgano de asesoramento, análise e difusión de información periódica relativa á situación dos ríos galegos.
Tamén deberá recoller e analizar información sobre as medidas e actuacións postas en marcha desde as diferentes instancias, públicas e privadas; promover e elaborar plans directores para os ríos galegos, nos cales se recollan as políticas autonómicas respecto á promoción e valorización dos ríos como elementos destacados do patrimonio natural, económico e social galego.
Dentro das súas funcións, tamén destaca a de difundir a importancia dos ríos e os seus contornos naturais e promover boas prácticas na interacción da cidadanía cara a eles, así como promover a colaboración entre todas as institucións implicadas, encamiñada á posta en valor dos ríos galegos.
Outra das finalidades coas que nace é a de actuar como foro de encontró interdisciplinar entre organismos públicos e as sociedades civís e do coñecemento e, por último, elaborará informes periódicos sobre o grao de cumprimento e efectividade
das medidas adoptadas para a posta en valor dos ríos galegos.
Para acadar este reto é imprescindible impulsar a participación, tanto do colectivo de pescadores -cada vez máis exixente e implicado coa conservación e preservación do medio natural- como da sociedade en xeral, co fin de priorizar e establecer unas directrices de xestión que permitan delimitar un marco que garanta un aproveitamento sustentable e a posta en valor destes espazos naturais, co fin de poder atender as cada vez máis presentes demandas sociais a favor da conservación da biodiversidade.
O Observatorio dos Ríos nace coa idea de contar cunha ampla e equilibrada participación, polo que a súa composición estará conformada por institucións e sectores implicados na conservación e xestión dos ecosistemas fluviais. A sesión constitutiva do Observatorio terá lugar nun prazo máximo de tres meses desde a súa entrada en vigor.
Estará formado por unha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría e un total de 32 vogais e haberá representación das consellerías de Economía, Cultura, Política Social, Medio Rural, Mar e a Axencia Galega de Turismo, por parte da Administración autonómica. Haberá tamén representantes dos organismos das bacías competentes no territorio galego, como Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Confederación Hidrográfica do Douro e Confederación Hidrográfica do Cantábrico; así como representantes das tres universidades galegas, das asociacións ecoloxistas que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa dos ecosistemas fluviais, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Federación Galega de Pesca.

 
32 membros directivos pero a pesca social non ten representantes no Observatorio
Segundo a comunicación da Xunta “é imprescindible impulsar a participación do colectivo de pescadores, cada vez máis exixente e implicado coa conservación e preservación do medio natural”.
¿Fomenta a Xunta a participación dos pescadores galegos coa simple participación da Federación Galega de Pesca?
Lamentablemente a Xunta non debe saber que a Federación Galega de Pesca só ten uns 2.500 socios e que en Galicia hai unhas 70.000 licencias de pesca. Ter 2.500 socios (só pescadores de competición) non faculta á Federación Galega de Pesca para representar aos 70.000 pescadores sociais que teñen licencia en Galicia e de feito a composición deste Observatorio xa levantou numerosas críticas nas redes pois moitísimos pescadores galegos non se sinten representados pola federación.
Outro dato máis. Deses 2.500 socios da federación a maior parte son pescadores de mar.
É decir, que a FGP vai representar a todo o colectivo cando malamente se representan a sí mesmos.
Para completar o esperpento, a Xunta podería nomear vogais do Observatorio a unha hidroeléctrica, a un furtivo e a un cormorán.

volver a índice de especiales