Estudo da fase mariña do salmón galego

-Os salmóns do río Ulla e Miño serán obxecto dun estudo sobre supervivencia na súa fase mariña
-A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio participa nun proxecto internacional de investigación sobre o salmón atlántico
-Este estudo lévase a cabo simultaneamente en ríos de cinco países europeos
-Técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural desprazáronse ata Galway para participar nunha reunión de coordinación, na que se fixaron os procedemento comúns a desenvolver a partir desta primavera

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio participa nun proxecto internacional sobre o estudo do salmón atlántico, polo que os exemplares do río Ulla e Miño serán analizados na súa fase mariña.
Os estudos e traballos sobre esta especie no medio fluvial son relativamente frecuentes, pero dada a dificultade para a supervivencia dos esguíns desde que deciden abandonar o río ata que chegan ao mar, os estudos mariños sobre o salmón son escasos. Nos últimos tempos a Organización de Conservación do Salmón no Atlántico Norte (NASCO), á que pertence España por convenio dende 1986, trata de impulsar a investigación sobre supervivencia desta especie na súa fase mariña.
Nese sentido, NASCO Smoltrack (smolt é esguín ou xuvenil de salmón cando migra ao ó mar; track é igual a seguimento) é a denominación dun proxecto de investigación financiado pola Unión Europea a través da NASCO, que ten como obxectivo analizar a súa supervivencia ata que chegan ao mar, e dicir, estudar a mortalidade mariña inicial do salmón.
Trátase dun estudo que se desenvolve simultaneamente en ríos de cinco países europeos (Dinamarca, Inglaterra, Irlanda do Norte, República de Irlanda e España) durante 2017 e 2018.
No caso de España, este estudo levarase a cabo nos ríos Ulla e Miño por ser os únicos do Estado que contan con trampas fixas de captura de xuvenís de salmón, aos que se lles inserta unhas marcas acústicas na primavera e con posterioridade serán detectados con receptores de ultrasons colocados nos ríos Ulla e Tea, e tamén na ría de Arousa e no estuario do Miño.
Recentemente, técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural desprazáronse a Galway (República de Irlanda) para que o experto noruegués en telemetría acústica, Finn Okland, asesora aos representantes galegos, e que tamén participaron nunha reunión de coordinación con outros membros do proxecto, na que se fixaron os procedemento comúns a desenvolver a partir desta primavera.
Xunta de Galicia.

volver a índice de especiales