NUEVO VERTIDO EN EL CATASOL

O RÍO CATASOL ASOLAGADO POR UN NOVO DESASTRE.
Os membros da asociación de Troiteiros "Río Furelos" non saímos do noso asombro ante a nova desfeita ocorrida no río Catasol. Entre as 9,30 e as 10 da maña do luns 28 de agosto, un camión cisterna cargado con 7000 ou 8000 quilos de alcatrán CR2 precipitouse ao río Catasol a uns catro quilómetros da súa desembocadura no río Furelos. Zona esta que xa fora afectada polos vertidos de zurro procedentes dunha explotación gandeira de porcino e denunciados por esta mesma asociación.
O camión permaneceu varias horas envorcado no río, ante o asombro e impotencia dos  que alí  estabamos, debido á ausencia do seu conductor e de ningún responsable da empresa que permitisen manipular o camión. Finalmente tivo que vir un guindastre especial dende Lugo para proceder á súa retirada, que non se producíu ata pasadas as catro da tarde.
A Garda Civil de Melide, a Garda Civil de Tráfico Atestados, representantes de Medio Ambiente, a Alcaldesa de Melide, o Concelleiro de Medio Ambiente, Protección Civil, Augas de Galicia, os Bombeiros de Arzúa..., todos foron testemuñas directas da gravidade do vertido. Tamén estiveron tomando boa nota do sucedido os Medios de Comunicación que foron avisados por membros da nosa Asociación.
Retirado o camión nunha góndola e o depósito da cisterna nunha bañeira unha vez autorizado pola Garda Civil de Tráfico, puido comprobarse que practicamente case a totalidade do seu contido de alcatrán, uns 7000 quilos, quedaron no leito do río. Ao tratarse dun elemento altamente contaminante e espeso, deposítase no leito e na flora do río, nas raíces, nas beiras e rocas..., ao tempo que se vai descompoñendo en pequenas manchas oleaxinosas que son transportadas pola corrente.
Pola súa gravidade, e para minimizar o impacto do vertido, as autoridades tomaron como primeira medida de urxencia, instalar tras barreiras de pacas de herba seca, parte das cales foron cedidas por membros da Asociación de Troiteiros entre o punto do vertido e a desembocadura no río Furelos a modo de filtro das augas. Estas barreiras foron instaladas pola tarde, cando parte do material contaminante xa discorrera río abaixo causando mortandade de troitas (xa recollemos máis de setenta).
Tamén foi avisado o concello de Santiso para que nos próximos días tomen mostras da auga na praia fluvial da Cornella por se detectasen elementos contaminantes no Ulla que desaconsellen o baño. Os técnicos de Medio Ambiente, non obstante, consideran necesario levar a cabo unha limpeza total e minuciosa da canle do río, que agardamos se faga á maior brevidade posible.
 Se no vertido do ano pasado era evidente a intencionalidade, neste caso so aparentemente se trata dun desgraciado accidente. Porque todo parece indicar que estamos ante un acto de neglixencia, presuntamente realizado pola empresa subcontratada para o asfaltado. O camión cisterna, entre outras cousas, non pasara a ITV, tiña as rodas en moi mal estado e parece ser que só podía ser trasladado por medio de góndolas. Por iso, falamos de posible neglixencia e pedimos que se depuren as responsabilidades se as houber.

SEGUIMENTO DOS LABORES DE DESCONTAMINACIÓN DO RÍO CATASOL
Os membros da Asociación de Troiteiros “Río Furelos” estamos seguindo con moito interese os labores de descontaminación que se están a levar a cabo no río Catasol de Melide, despois de que un camión cisterna envorcase nel este luns, 28 de xullo e baleirase nas súas augas os sete mil litros de alcatrán que transportaba. Nos catro quilómetros que resultaron afectados o mesmo día do accidente recollemos 70 troitas mortas, un día despois recollemos outras corenta, todas da medida e algunha cría deste ano, indicio claro de que o río comezaba a recuperarse do desastre ocorrido o ano pasado como consecuencia do vertido do zurro dunha explotación agrícola. Sabemos que a mortandade foi maior, porque moitas troitas quedaron atrapadas nas oucas cubertas de chapapote e nos pozos tecidos de raíces e vexetación acuática.
Traballadores do Concello de Melide e da empresa responsable do vertido, Manfor S.L., comezaron canto antes cos labores de retirada do alcatrán depositado no leito do río, na vexetación e nas beiras. Ao tratarse dun material tan pegañento, estes labores consisten en deixar a canle do río completamente limpa, mesmo sen oucas, pedras ou calquera outro tipo de material onde se tivese adherido o alcatrán. Consideramos que vai ser imposible retiralo dos pozos fondos ou das beiras onde as raíces das árbores forman un tecido de acceso impracticable.
As barreiras de herba seca parece que cumpriron bastante ben o cometido de evitar que a mancha se estendese, dado que no último tramo, xa cerca da desembocadura no Furelos, só se aprecian pequenas “galletas” illadas de alcatrán solidificado, sobre todo nos remansos. Non obstante, as análises da auga darán conta do verdadeiro estado da auga, porque, incluso nesta zona onde aparentemente case non chegou o vertido, o cheiro a chapapote é impresionante.
Agora o urxente é limpar a desfeita. Porén, os responsables políticos teñen a obriga de investigar o sucedido e actuar en consecuencia, no caso de tratarse dunha neglixencia, como todo parece indicar.

SEGUE A LOITA CONTRA O VERTIDO NO RÍO CATASOL 
A ASOCIACIÓN DE TROITEIROS “RÍO FURELOS” CONVENCE Á ADMINISTRACIÓN DA NECESIDADE DE PÓR MÁIS BARREIRAS E REFORZAR AS QUE HAI.
Os membros da Asociación de troiteiros “Río Furelos” que están a colaborar nos labores de limpeza do alcatrán vertido no río Catasol de Melide, como consecuencia do envorcamento dun camión cisterna, convenceron á Administración para que se reforzasen as barreiras de filtrado das augas formadas por pacas de herba seca, e ademais que se colocasen outras dúas barreiras máis. Foron os propios membros da Asociación os que hoxe mesmo conseguiron corenta pacas de herba seca para proceder eles mesmos á súa instalación.
A Asociación de Troiteiros “Río Furelos” entende que non existe un protocolo de actuación ante unha contaminación nun río por parte da administración e comprenden os mariñeiros de Muxia cando a administración non lles fixo caso no desastre do Prestige, xa que as decisións  que se están levando a cabo  son totalmente improvisadas.
A Asociación de Troiteiros “Río Furelos” quere expresar o seu agradecemento a labregos e gandeiros pola cooperación que están mostrando deixando pasar as máquinas polos seus prados e propiedades, co prexuízo que isto lles causan e agradecer tamén aos socios que doaron desinteresadamente as pacas de herba seca.
Como resultado dos traballos de retirada do chapapote, despois de encher dous contedores co lixo retirado do río, vaise proceder a colocar un novo contedor na ponte de Tellor para seguir coa recollida do material contaminado.
Augas de Galicia enviou hoxe cinco traballadores da empresa GESECO que están a proceder ao rozado das beiras do río, completamente manchadas de chapapote, ao tempo que lles están a botar unha man aos membros da Asociación na colocación e reforzamento das barreiras vexetais. Ademais dos traballadores de GESECO e dos voluntarios da Asociación, están a traballar nos labores de limpeza cinco traballadores do Concello Melide e tres da empresa Manfor S.L. causante dos danos.
Nembargantes consideramos que se precisa personal cualificado e coa indumentaria e material axeitado para a retirada de productos tóxicos…
Os membros da Asociación congratúlanse de que os responsables da Administración aceptasen o reforzamento e colocación de novas barreiras que a Asociación demandaba, xa que isto vai garantir un maior filtrado das augas río abaixo e polo tanto diminuír o impacto do vertido contaminante.
Xavier Pazo
Presidente da Asociación de Troiteiros “Río Furelos”