|
Este seguimento, co fin de obter información
sobre a súa bioloxía e comportamento, faise implantándolles
aos peixes un transmisor, de maneira non traumática
Santiago, 2 de novembro de 2009.-
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de
Conservación da Natureza, ven de iniciar un programa de
seguimento por radio de salmóns adultos no río Ulla. Esta
tarefa enmárcase nos traballos que sobre a conservación da
poboación de salmón atlántico neste río se levan a cabo
desde 1993.
O seguimento por radio consiste na implantación, vía
esofáxica, dun transmisor de radio que permite a
localización do exemplar marcado mediante un receptor da
mesma frecuencia. Isto é posible debido a que os salmóns,
desde a súa entrada ao río ata a súa volta ao mar, non
inxiren alimento, téndose demostrado que a súa implantación
gástrica resulta menos molesta, menos traumática e máis
eficaz que a cirúrxica ou a ancoraxe externa. Estas
prácticas veñen realizándose con éxito en diversos países
desde hai máis de 30 anos.
O obxectivo deste seguimento é achegar información que axude
a incrementar o coñecemento sobre os seguintes aspectos da
bioloxía do salmón e a xestión do seu aproveitamento:
Comportamento migrador dos salmóns no remonte do río e a súa
relación con certas variables ambientais (temperatura e
caudal); lugares de parada natural e lugares de freza no río
Ulla; efecto de determinados obstáculos artificiais sobre a
poboación de salmón; taxas de explotación legal e existencia
de furtivismo e migración de descenso ao mar como zancados.
Localización dos peixes
Este ano iniciouse o seguimento de salmóns
coa adquisición de varios transmisores, receptores fixos
que, colocados en puntos estratéxicos do Ulla axudan á
localización dos peixes e outros portátiles, que levados a
pé de río por axentes ambientais e vixiantes permiten a
localización diaria dos salmóns marcados. Os receptores
adquiridos posúen un sensor de actividade que permite
detectar a inactividade tras 10 horas de falta de movementos
do peixe.
Os salmóns, tras ser capturados na Estación de Ximonde son
anestesiados para a implantación do transmisor, e tras unha
ou dúas horas de observación son de novo soltados ao río. O
comportamento destes peixes foi diverso ata a data; desde
peixes que apenas se moveron a outros que remontaron máis de
30 quilómetros, mentres que se detectou un exemplar que
morrera por causas descoñecidas
e outro que apareceu nun conxelador situado
nun galpón, tras ser extraído do río de forma presuntamente
ilegal. En relación con este último, a Consellería abriu as
preceptivas dilixencias para aclarar o sucedido e incoar o
correpondiente expediente sancionador ao que houbera lugar.
SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DO
MEDIO RURAL. |