ESCÁNDALO EN XIMONDE (XI)

NON PAGAN O TIRO

Eloi Saavedra
Presidente da Sociedade de Caza e Pesca Xuvia

 

Os feitos son ás veces testáns, pero hai xente aínda mais testán.
Atópome na web do grupo unha información a principios da semana que deixa bastantes dúbidas acerca de cómo se vai resolver a investigación interna que abreu a Consellería de Medio Rural acerca dos presuntos feitos delictivos que se verten nun boletín de denuncia por parte dun implicado nos feitos, en concreto, o denunciado.
A primeira impresión é de asombro, asombro matizado, quero decir, porque estes feitos eran vox populi ao longo das ribeiras da Ullán. O caso é que na súa declaración, o presunto culpable de receptar os salmóns (o hostaleiro) afirma que lle foron entregados por un perón da gardería, membro da gardería en definitiva.
Ata eiquí todo pinta normal para o País que é Galiza. Estes días estamos a ver como xente encargada de facer cumplir a disciplina urbanística, están sendo procesados á súa vez polos xuices.
Aínda respectando a presunción de inocencia do empregado da administración (non esquezamos para o razoamento posterior que non é un garda, senon un peón, aínda que existan indicios que o vinculan ó manexo do capturadeiro de salmóns), hai algo que ten mala pinta. Dende hai tempo os rumores desta mala práctica no capturadeiro eran constantes nas beiras do Ulla, e estes feitos xa foron denunciados nesta páxina. Que casualidade que o receptador do salmón apunte a esta liña de investigación con craridade.
O razoable neste caso é que a investigación interna que está en curso fora quen de aclarar estes feitos, toda vez que eu teño claro que hai gardas e peóns de Medio Rural que non merecen o escarnio nin a vergoña de seren sinalados por este lamentable suceso.
Pero fora deste proceso investigador hai unha serie de feitos que tamén me asombran como é comprobar que se tratan de esquivar as balas da responsabilidade por parte de aqueles que terían moito que dicir sobre o control e administración deste capturadeiro. Desta maneira, o equipo de xestión do mesmo creo que xa tarda en facer unha declaración, que esperemos que sexa amplia e precisa, de cómo foron posibles este presuntos feitos. Pode resultar que teñan claro que estes feitos nunca tiveron lugar, porque polos medios de control e supervisión que ten o sistema, estes feitos foron simplemente imposibles. De ser así tamén nos interesaría saber qué mecanismo de control impedía estes feitos.
Ademais interpreto que isto, aparte de por responsabilidade institucional., recórdolles que debería ser porque ese capturadeiro non é seu senon de tódos os cidadáns que pagamos os nosos impostos. Asumo que a moitos dos implicados neste tema pouco les importará esta disquisición, porque están xa afeitos a facer de forma crónica o que lles ven en gaña sin dar contas a ninguén (plans de xestión e demais).
E o mais grave é que técnicos que moito teñen que decir neste tema (o Sr. Hervella por exemplo) se “entristezan” en foros de pesca e se dediquen a botar improperios contra os xornalistas que sacaron á luz pública os feitos e as presuntas implicacións que se poidan derivar das investigacións. Neses mesmos foros que eu abandonei hai tempo, en tanto que non quería rebaixarme á súa altura, eu tamén souben o que foron as falsas acusacións, chegando algún de este elementos a acusarme de furtivo; por suposto sen probas e con total alevosía. E a súa estratexia volta a ser a mesma: daquela eu falei en contra dos falsos profetas e agoreiros da salvación da pesca, o meu castigo (ou non) foi a acusación de ser un furtivo por parte do mesmo que visitaba o Centro Ictioxénico de Ximonde acompañado polo Sr. García Rego, alabando a súa amabilidade e bo facer. O dito, fume de loureiro verde e escusas de malos pagadores.
Imaxino que estas palabras miñas de pouco valerán, pero diríxome ó responsable último que é o Sr García-Borregón, para que estes feitos sexan investigados ata as súas últimas consecuencias.
E fágoo coa lexitimidade de quen arrisca vida profesional (eu non vivo de escribir artigos), tempo libre e da familia por ver os nosos ríos en mellor estado. A miña lexitimidade reside nas horas de limpeza que lle dediquei ó río e na colaboración coa gardería na captura de indesexables  furtivos como Couce non hai tantos días. Señor García-Borregón, amóseme que estes esforzos persoais teñen sentido, ó igual que os da gardería honesta e traballadora cós que traballamos man a man a cotío. Sin este xesto, moitos pensaremos que todo foi fume e que igual os minicentraleros e furtivos tiñan a razón.
Coma epílogo; Miguel e Alberto, non deixedes nunca de ter a ansia suficiente para continuar á pescuda destes temas. Estes feitos non terían saido á luz se non é por vos e os salmóns chegarían impunemente aos conxeladores e non ós frezadeiros e algún ás nosas canas, como é a súa misión.
En canto ós palmeros que tratan de facer fume de loureiro verde para que o escándalo no afecte ós seus xefes morais, esquecédeos. Miguel, Alberto, nin xogan na vosa división nin nunca farán nada constructivo polos nosos ríos.
Sinceramente: NON PAGAN O TIRO.

volver al indice de especiales