|
Dende a
Asociación de Troiteiros “Río Rurelos” de Melide estamos a
seguir con sumo interese a evolución dos acontecementos do
escándalo acorrido no capturadeiro de Ximonde, grazas á
información tan detallada e puntual que vén fornecendo
Miguel Piñeiro na súa páxina
www.miguelpesca.com
Os
feitos non deixan lugar a dúbida. O día 26 do pasado outubro
catro axentes localizan no conxelador dun veciño do concello
de Teo dous salmóns sen os precintos e guías correspondentes
(polo tanto, presuntamente capturados de maneira ilegal). Ao
verse descuberto decláralle aos gardas que chegaron ao seu
poder de mans de José García Rego, peón da gardería de
Medio Ambiente.
O feito de que Miguel divulgase a noticia foi como destapar
a caixa dos tronos. Coma sempre, nos casos de corrupción,
parece que o que cómpre é matar o mensaxeiro. Pero a
realidade é moi teimuda e case sempre acaba poñendo a cada
quen no seu sitio. A día de hoxe ante o rebumbio que se
levantou, grazas a foros como o de Miguel, Medio Rural xa di
que ten un informe de varios folios nos que o devandito José
García Rego acabou recoñecendo a súa culpabilidade. Esta foi
presuntamente o súa declaración textual: “Si. Foi un
fallo. Metín a pata. Agora xa está. Non hai que facerlle.”
Consecuencia: ábrense dilixencias, expediente sancionador
para o que fai a entrega e para o que a recibe... , e xa se
verá.
Dende a Asociación de Troiteiros “Río Furelos” en primeiro
lugar queremos solidarizarnos con Miguel Piñeiro por ter
divulgado os feitos. A pregunta é moi clara, se non se
publicase a denuncia, se non houbese un seguimento tan
minucioso, a Administración actuaría co mesmo celo?
A que vén tanta indignación polo feito de que se divulguen
este tipo de cuestións?
En segundo lugar, en todo este tempo que levamos traballando
como Entidade colaboradora de Medio Ambiente, cada vez que
levamos a cabo labores de limpeza, denunciamos vertidos ou
calquera outra incidencia que afecta ao medio fluvial,
sempre constatamos un comportamento correcto e profesional
dos membros da gardería. Pero por todo o que se leva
publicado sobre este caso concreto de Ximonde, cabe
preguntarse se estamos ante un feito illado ou isto non é
máis que a punta do iceberg que pon de manifesto a
neglixencia de funcionarios de máis alto nivel. Neste caso a
Administración ten a obriga de depurar responsabilidades
daqueles que, por acción ou omisión, non desempeñaron coa
profesionalidade que se lle esixía as súas funcións.
En terceiro lugar e para rematar, di o refrán que o gato
escaldado lle foxe a auga fría. Non estamos libres aínda de
levarmos desagradables sorpresas neste caso.
A nosa desconfianza está fundamentada. Veredes por que:
Vén de se celebrar na Audiencia da Coruña o xuízo polos
vertidos de xurro no río Catasol de Melide (ano 2007) que
foron amplamente divulgados pola nosa Asociación, pola
prensa e dos que tamén se fixo eco Miguel Piñeiro na súa
páxina web. Pois ben, para pasmo dos que asistimos á vista
oral, o acusado, con todas as probas en contra, as
declaracións da gardería e outras testemuñas ratificando o
sucedido, saíu absolto debido á ausencia de dous técnicos da
Consellería de Medio Ambiente que tiñan que prestar
testemuña no xuízo. (Foron citados?... Pedíuselles que non
asistisen?...) Agora, teremos que agardar pola apelación que
fixo a fiscal do caso. Quen sabe se calquera defecto de
forma, producido ou non a propósito, volverá a deixar impune
unha acción que ocasionou a morte de máis de catro mil
troitas.
Por iso teremos que estar alerta e facer un seguimento do
caso Ximonde ata o remate. Oxalá non nos depare sorpresas
desagradables. |