|
INVESTIGADORES DA ESTACIÓN DE HIDROBIOLOXÍA DA USC ATOPAN ANFIBIOS DEFORMES EN GALICIA |
|
Investigadores da Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” da USC atoparon, durante un traballo de toma de mostras no concello de Muros,unha ra cunha pata extra e un número duplo de dedos noutra das extremidades. |
![]() |
Este tipo de fenómenos son coñecidos en outros países, sobre todo nos Estados Unidos e en Canadá, onde o grande incremento nas porcentaxes de individuos deformes nas poboacións de varias especies de ras levou a que dende a década dos noventa numerosos investigadores dedicaran tempo e recursos ao estudo desta problemática. Na actualidade parece que os investigadores se decantan en sinalar ás malas prácticas agrarias (exceso de fertilizantes, mal uso de pesticidas) como responsables destas deformidades, xa que estes produtos poden por si mesmos provocar a aparición de malformacións ou ben poden alterar os medios acuáticos nos que viven os anfibios e propicia-la expansión de determinados parásitos, responsables en moitos casos de que os anfibios teñan problemas no proceso de desenvolvemento das extremidades. Ademais, os científicos non descartan outras hipóteses sobre este fenómeno, tales coma influencia das radiacións ultravioleta, ou os efectos de outros tóxicos coma os metais pesados, e incluso a influencia dos danos físicos nas fases larvais sobre o proceso de metamorfose. |