|
En Galicia aínda é
posible detectar poboacións de lamprea mariña en tramos fluviais
próximos ao mar dos ríos Eo, Masma, Ouro, Mera, Mandeo, Anllóns,
Tambre, Ulla, Umia, Miño e Tea. Aínda que esta especie mantense en
bo estado de conservación en moitos deles, noutros coma o Ouro, Umia
ou Sar, as poboacións son escasas debido a factores como a
contaminación, a creación de obstáculos insalvables para os adultos
en fase de remonte fluvial, o furtivismo ou a sobrepesca.
Estes son algúns dos resultados do proxecto de investigación sobre
esta especie (petromyzon marinus) en Galicia, elaborado pola
Consellería do Medio Rural en colaboración coa Universidade de
Santiago de Compostela (USC), presentados hoxe en Santiago nunhas
xornadas específicas que inaugurou o director xeral de Conservación
da Natureza, Ricardo García-Borregón Millán.
O estudio foi dirixido polo profesor Fernando Cobo, director da
Estación de Hidrobioloxía da USC “Encoro do Con”. O proxecto de
investigación ten por obxecto supervisar as poboacións desta especie
nos ríos de Galicia, obtendo unha imaxe fidedigna do seu estado
actual de conservación. Esta valoración proporciona información
básica e permite unha indicación fiable das tendencias a medio e
longo prazo.
Proxecto Galictia
Neste mesmo encontro presentouse tamén o proxecto “Galictia”,
elaborado polo Observatorio galego de investigación sobre peixes
migradores anfihalinos (aquelas especies que distribúen o seu ciclo
vital entre a auga mariña e a fluvial).
Este tipo de peixes atópanse entre as especies máis ameazadas da
fauna das augas continentais europeas, chegando ao caso extremo do
esturión, xa extinguido nos ríos galegos.
Para levar á practica o Observatorio, designouse o río Ulla como
índice da evolución das poboacións de peixes migradores e integrouse
nunha rede europea de ríos costeiros, na que se inclúen algúns do
sur de Inglaterra e da Alta Normandía (Francia).
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de
Conservación da Natureza, e a Universidade de Santiago asinaron un
convenio de colaboración mediante o cal se creou este Observatorio,
que ten como finalidade dar resposta ás demandas político-sociais de
protexer e mellorar o estado dos ecosistemas acuáticos, mediante a
conservación dun dos seus compoñentes ameazados, os peixes
migradores.
Expertos de prestixio
Ademais do director xeral de Conservación da Natureza, neste
encontro participan como poñentes prestixiosos expertos
internacionais na materia, caso de Richard Sabatié, especialista
sobre a bioloxía da lamprea mariña ou Jean-Lun Baglinière, director
de varios institutos sobre investigación en medio ambiente en
Francia. |