V Xornadas de limpeza do río Furelos

O Presidente da Asociación de Troiteiros “Río Furelos”, Xavier Pazo, fixo un balance do primeiro día das V Xornadas de limpeza do río Furelos. O sábado 29 de agosto, vintesete voluntarios, todos de Melide agás un que era de Santoña (Cantabria), traballaron para retirar do cauce do río e das súas beiras, máis de 150 quilos de lixo en xornada de mañá e tarde. Os labores comezaron ás 10 da mañá e remataron as 8 da tarde, cunha parada para repoñer forzas e intercambiar impresións nun xantar que tivo lugar na praia fluvial do Furelos.
Distribuíuse o traballo entre os participantes; mentres uns retiraban latas, botellas, plásticos e residuos como unha roda grande de tractor, unha de coche e mesmo unha bañeira dunha casa, outros voluntarios dedicáronse  a retirar árbores caídas e outros restos vexetais depositados no cauce do río.
Na xornada de mañá limpouse o tramo vedado que vai dende Portochao ata Furelos e o tramo acoutado dende a Ponte Romana ata a Ponte Mazaira. Pola tarde dende a Ponte Mazaira ata a Ponte da Pedra, iso significa que cada vez hai menos residuos.
Aínda quedan dous sábados para cumprir estas Xornadas e, contando coa inestimable participación dos voluntarios, ficarán sobradamente conseguidos os obxectivos marcados para estas V Xornadas.
A sociedade de Melide reitera o agradecemento a todos os voluntarios, empresas e institucións que traballaron e colaboraron neste primeiro día das V Xornadas de limpeza do río Furelos.

volver a indice de especiales