IX XORNADAS DE LIMPEZA DO FURELOS

O sábado 31 de agosto deron comezo as IX Xornadas de Limpeza do río Furelos. Participaron nestes labores de retirada de lixo do leito do río e das súas marxes máis de 30 persoas de Melide, Palas e Arzúa.
Nin que dicir ten que a cantidade de restos atopados diminuíu considerablemente despois de oito anos levando a cabo esta actividade de limpeza que foi calando na conciencia da xente sobre a importancia ecolóxica dos nosos ríos e por conseguinte a necesidade de mantelos limpos.
No primeiro día de traballo retiráronse algo máis de 300 quilos de desperdicios, no tramo que vai da Praia Fluvial á Ponte Mazaira e da Bragaña á Ponte de Fraga. Pola abundancia e as súas dimensións destaca a cantidade de plásticos usados nos silos que houbo que retirar do leito e das marxes no tramo percorrido. Dende a Asociación faise un chamamento para evitar por todos os medios que este material chegue ao río, dada a súa resistencia á degradación. O mesmo sucede con máis de 30 metros de malla de arame usado principalmente na construción de cortellos. Inexplicablemente, algún irresponsable aínda segue a considerar o río como o lugar máis axeitado para desfacerse do que sexa. En todo caso, a sorpresa para os voluntarios foi atopar unha moto, modelo Vespa-Madrid, que ben podería sumarse a outros achados insólitos dende a primeira edición das Xornadas. De conservalos xa teríamos un auténtico museo símbolo do desleixamento e a ignorancia. Afortunadamente estes achados cada vez son máis excepcionais.
O sábado 7 de setembro continuaron estes labores de limpeza nos tramos que van da Ponte Mazaira á Ponte da Pedra e dende esta á da Bragaña.
Na segunda xornada, os participantes repartidos en catro grupos de 5 persoas, seguiron sacando lixo do río Furelos no tramo programado dende a Ponte Mazaira ate a Ponte da Bragaña.
Neste segundo día de traballo retiráronse sobre 200 quilos de desperdicios, destacando un saco con animais mortos (supoñemos que cans-gatos), a caixa de cambio dun coche, unha roda e o cuadro dunha bicicleta e moitos metros de cordeles de plástico, latas, botellas,etc. Dende a Asociación facemos un novo chamamento para evitar por todos os medios que este material chegue ao río, dada a súa resistencia á degradación..
O sábado 14 de setembro remataron estes labores de limpeza nos tramos que van da Ponte Romana á Ponte da Estrada Lugo-Santiago.
A Asociación manifesta o seu agradecemento a todos os voluntarios que participaron directamente na limpeza e a todas as empresas e particulares que, como vén sendo habitual, prestan o seu apoio nesta IX edición das Xornadas de Limpeza subvencionadas pola Deputación de A Coruña e na que colaboran, coma sempre, o Concello de Melide a Consellería de Medio Ambiente e o Servizo de Conservación da Natureza.
Melide, setembro de 2013
O Presidente da Asociación
Xavier Pazo Blanco

volver a indice de especiales