Campionato Terra de Melide

Melide 8 de abril de 2013
VIII Campionato de Pesca “Terra de Melide” organizado pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos”
O sábado 6 de abril celebrouse en augas do Furelos o campionato de pesca Terra de Melide” que xa vai pola VIII edición.
O presidente da Asociación organizadora, Xavier Pazo, manifesta a súa satisfacción polo grao de consolidación que ano tras ano vai acadando este evento, non só polo número de pescadores que mostran o seu interese en participar, senón pola cantidade de casas comerciais (este ano foron 30) que dan o seu apoio para que este evento teña continuidade.
Inscribíronse nesta ocasión 132 persoas para acceder ao sorteo público celebrado o pasado día 4, que lles deu dereito a 14 pescadores a participaren na competición, dado que as bases establecen que o gañador do certame anterior participa sen entrar no sorteo.
A xornada de pesca deu comezo ás 8:30 cando a xeada, tan ausente neste inverno pertinazmente chuvioso, aínda ruxía debaixo dos pés. Os participantes con cadanseu xuíz situáronse no tramo que lles tocara en sorte e utilizando cebo artificial, tal como recollen as bases, tiveron ata as 13:00 horas para mostrar a súa pericia coa cana, nun río Furelos, “a priori”, máis impracticable que en anos anteriores, por un caudal excesivamente xeneroso ao que xa non estabamos habituados.
O intenso frío da primeira hora da mañá afectou negativamente as capturas, que non comezaron a se producir ata que o sol foi amornando a hora e as troitas fixeron acto de presenza.
Ás 13:00 horas, rematado o período establecido, os pescadores concentráronse na Praia Fluvial, onde os organizadores procederon a contar e medir as capturas que cadaquén achegaba no seu cesto.
Clasificació
n:
1º PREMIO: Manuel Gil Cuñarro, de Lalín: 8 troitas
2º PREMIO: Juan Ruibal Vilar, da Estrada: 7 troitas
3º PREMIO: Iván Bruzos Cendán de Palas de Rei: 7 troitas.
O premio á captura de maior tamaño tamén o conseguiu Manuel Gil cunha troita de 35 centímetros.
O total de troitas pescadas (71), por decisión da organización, foron entregadas ao socio de maior idade.
Finalizado o reconto procedeuse alí mesmo a unha entrega simbólica de trofeos.
A xornada concluíu cun xantar na Pousada Chiquitín ao que acudiron participantes e organizadores, tamén estiveron representantes de Asoc. Río Pambre, Asoc. Río Iso e Asoc. Pescadores da Ulloa. Á finalización do mesmo, membros da directiva da Asociación “Río Furelos” fixeron entrega dos premios aos gañadores e agasallos aos demais participantes.
Só lle resta á directiva desta Asociación agradecer a colaboración da Consellaría de Medio Ambiente, á Deputación e ao Concello de Melide, así como a todas as firmas comerciais e particulares que nos apoiaron na organización deste oitavo campionato.

volver a indice de especiales