VERTEDURA NO MARTAGONA
Indolencia, neglixencia ou incompetencia?

 A Asociación de Troiteiros “Rio Furelos” quere manifestar a súa sorpresa e denunciar uns feitos que non sabemos se achacar a indolencia, neglixencia ou á incompetencia. A imaxe non nos deixa mentir.
O Concello de Melide o día 27 de marzo durante as obras realizadas nuns camiños para acceder á toma de auga potable no lugar de Corbelle, parroquia dos Ánxeles, provocou unha desfeita que se traduciu nun absoluto atoldamento das augas que afectaron a dous quilómetros do río Martagona (vedado), no que a auga máis parecía chocolate que outra cousa. Ese caudal de auga desembocou, nesas pésimas condicións, no río Furelos á altura de Petos, véndose afectados 2,5 quilómetros, un importante tramo do couto do río Furelos.
Os troiteiros que faenaban ese día non daban creto ao que vían e así nolo fixeron saber. Probablemente as obras eran necesarias e tamén a utilización dunha paleadora movendo grandes cantidades de terra, pero é imprescindible tomar as precaucións necesarias para non afectar un hábitat tan fráxil como é o curso dun río. Iso é o que queremos denunciar, a falta de previsión da desfeita que se podía ocasionar por non ter tomado as precaucións apropiadas para levar a cabo a obra.
A fotografía é a testemuña máis fidedigna do que acabamos de manifestar. Como se puido ver afectada a vida do río (sobre todo a cría da troita e outros peixes) é algo difícil de ponderar a estas alturas, pero a imaxe semella non deixar lugar a dúbidas.
Como entidade colaboradora de Medio Ambiente, a nosa Asociación ten a obriga de velar pola calidade das augas e o entorno do río e se facemos público aquilo que representa un atentado a este hábitat por parte de particulares, aínda nos parece máis grave cando ese atentado ven producido por unha neglixencia ou mala actuación dunha Administración, neste caso, o propio Concello de Melide que nin sequera se puxo en contacto con nós para comunicarnos que se ían levar a cabo esas obras.
Melide 29 marzo 2014
O Presidente da Asociación
Asdo.: Xavier Pazo Blanco

volver a indice de especiales