IX Campionato Terra de Melide

O pasado sábado 5 de abril celebrouse en augas do río Furelos o IX Campionato de Pesca Terra de Melide.
O presidente da asociación organizadora manifesta a súa satisfacción polo grao de participación e porque todo transcorreu segundo os parámetros marcados polos organizadores.
Case se pode falar dunha inscrición masiva de pescadores que solicitaron acudir desde diversos lugares de Galicia como Lalín, A Coruña, Sobrado, Palas, Toques, Arzúa, Friol, Curtis, Monterroso e por suposto de Melide.
Como vén sendo norma, só poden participar aqueles que son agraciados no sorteo, porque as prazas son limitadas, tal como establecen as bases do certame.
A xornada de pesca deu comezo ás 08:30 cunha meteoroloxía variable, aínda que con temperaturas levadeiras. Os participantes con cadanseu xuíz situáronse no tramo que lles tocou e tiveron ata as 13:00 horas para mostrar a súa pericia coa cana, nun río Furelos cun caudal xeneroso e aparentemente farturento.
Rematado o período establecido, os pescadores tiñan que presentar as súas capturas ao xurado e despois de facelo este foi o resultado:
Clasificación por capturas:
1º Premio: Jesus Rouco Varela, de Toques, con 9 troitas
2º Premio: Iván Bruzos Cendán, de Palas de Rei, con 7 troitas
3º Premio: Diego González Lírio, de Melide, con 7 troitas
4º Premio: Juan Lamas Rodríguez, de Sobrado, con 6 troitas
O Premio á captura de maior tamaño correspondeu a Jose Antonio González Mejuto, de Melide, cunha troita de 38,5 cm.
O total de troitas pescadas foi de 93.
Finalizado o reconto procedeuse alí mesmo a unha entrega simbólica de trofeos.
A xornada concluíu cun xantar na Pousada Chiquitín ao que acudiron participantes e organizadores. Tamén estiveron representantes doutras asociacións como Río Iso, Río Pambre e Pescadores da Ulloa. Á finalización do mesmo, membros da directiva da Asociación “Río Furelos” fixo entrega dos premios aos gañadores e agasallos aos demais participantes.
A directiva desta Asociación quere agradecer a colaboración da Consellaría de Medio Ambiente, da Gardería do Servizo de Conservación da Natureza, da Deputación da Coruña e do Concello de Melide, así como a todas as firmas comerciais e particulares que nos apoiaron na organización deste IX Campionato de pesca.
Melide 7 de abril de 2014
O Presidente da Asociación
Asdo. Xavier Pazo Blanco

volver a indice de especiales