Río Furelos colabora coa USC

Cooperación co Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC

A Asociación de Troiteiros “Río Furelos” vai participar nun estudo levado a cabo pola Universidade de Santiago para analizar a situación na que se encontra a poboación de troitas dos nosos ríos que, como o resto da fauna está sometida a todo tipo de agresións derivadas da actividade humana.
Recibimos a petición do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC que vai levar a cabo o citado estudo.
Para dar cumprimento ao que se nos pide, ao longo da tempada recolleremos as mostras do Furelos, do Pambre, do Catasol, do Iso e doutros ríos da contorna, procurando ser moi escrupulosos coa recollida e tratamento das mostras, seguindo as pautas que nos deron.
Sempre foi do noso interese todo aquilo que poida servir para ter un coñecemento da situación real dos ríos a fin de poder acometer aquelas medidas que contribúan á súa mellora.
Por iso, como membros da Asociación é unha honra para nós poder colaborar cunha entidade tan prestixiosa, nun traballo que redundará nun coñecemento máis cumprido da situación na que se encontra a poboación das troitas dos ríos galegos.
Como presidente da Asociación quero agradecer a confianza depositada nos nosos asociados e garantir  a seriedade da nosa cooperación.
Melide, marzo de 2015
O Presidente da Asociación
Xavier Pazo Blanco

volver a indice de especiales