Remate das Xornadas de Limpeza do Furelos

O sábado día 12 remataron os labores de limpeza que se levaron a cabo no marco das XI Xornadas de Limpeza que se veñen organizando anualmente pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos”.
Como aconteceu en anteriores edicións, os voluntarios dedicaron os tres sábados (29 de agosto e 5-12 de setembro), a retirar todo tipo de lixo que se foi acumulando no leito do río Furelos, ribeiras e tributarios.
En total nos tres días retiráronse uns 350 kilos de lixo. Sendo o segundo sábado o día que máis porcallada se retirou (150 quilos).
O derradeiro sábado, que remataban as XI Xornadas, 14 persoas  tiveron que empregarse a fondo para retirar, entre outras cousas 2 rulos de herba seca “entendemos que foron parar no río de maneira fortuita”, (non contabilizados nos kilos de lixo), sendo preciso a colaboración dos labregos cun tractor.
Polo demais coma sempre, un teléfono móvil, unha uralita, un televisor, unha sombrilla de praia,  plásticos de silos, botellas, arames, bolsas, latas…
Seguidamente damos paso ao acondicionamento e rozas dos accesos e camiños polas beiras do río Furelos durante setembro e outubro.
O presidente da Asociación, en nome da directiva, manifesta o agradecemento a tod@s os que participaron nestas XI Xornadas de Limpeza, unha vez máis auspiciadas pola Deputación de A Coruña nas que colaboraron, ademáis de a Consellería de Medio Ambiente, Servizo de Conservación da Natureza e o Concello de Melide, particulares, veciños e empresas. A todos vós as máis sinceiras GRAZAS.

Melide, setembro de 2015
Asdo: Xavier Pazo Blanco
Presidente Asociación Troiteiros Río Furelos

volver a indice de especiales