|
O
pasado sábado, día 14 de novembro, a nosa Asociación tivo a ocasión
de participar no “Foro de divulgación e debate sobre a pesca
continental” que se celebrou no Auditorio Multiusos de Rois,
organizado de maneira impecable polo Grupo MiguelPesca e patrocinado
polo propio Concello de Rois.
A xornada, intensa en canto a contidos e nutrida en canto a
participantes, contou coa presenza de importantes personalidades que
aportaron o seu saber nos múltiples e variados relatorios que se
celebraron ao longo da mañá.
Despois do acto de apertura e presentación do encontro, comezaron as
intervencións e relatorios que se iniciaron con: “Trueiro, prensa
libre” pronunciado polo director da revista especializada “Trueiro”.
A continuación, os asistentes tivemos a oportunidade de coñecer a
Directiva Marco europea da Auga, de maneira clara e sucinta, grazas
á intervención da profesora da UDC, María J. Servia.
O presidente da Sociedade de Caza e Pesca, Eloi Saavedra, incidiu na
súa charla sobre as relacións entre Pesca e Poder.
Tamén foi de moito interese o relatorio do xornalista e escritor
Miguel Piñeiro, experimentado coñecedor e divulgador do mundo da
pesca e de todo o que o rodea baixo o título “A pesca e o seu
entorno”.
Especialmente atractiva, pola temática, foi a intervención do
profesor de Bioloxía da USC Fernando Cobo, na que apuntou a posible
incidencia na bioloxía da ictiofauna continental, tomando como
referencia as predicións dos modelos de cambio climático.
A seguir, relatorio de José A. Díaz Núñez, coordinador científico de
Voz Natura sobre “A auga e Voz Natura”
Como remate da mañá, tivo lugar unha interesante mesa redonda
moderada por Pepe Casal, relator da Lei de Pesca, na que
participamos representantes de cinco asociacións (Club Londra, Club
Salmo, Asociación de Pescadores da Ulloa, a Sociiedade de Pescadores
Río Mandeo e a nosa asociación “Río Furelos”).
O debate, totalmente aberto e cordial, centrouse na xestión da pesca
e o papel que nela deben xogar as sociedades ou asociacións. Neste
intercambio de opinións acadouse o acordo de traballar con lealdade
a prol da unidade entre as asociacións. Todos concordamos en que
este traballo deberá dar os seus froitos, entre os que non se
descarta, nun futuro próximo, conseguir unha candidatura unitaria
para presentarse ás eleccións da Federación Galega de Pesca. Todos
consideramos que, sen presa pero sen pausa, hai que se encamiñar a
conseguir presenza nos órganos de decisión.
Pechou esta interesante xornada de maneira breve pero brillante,
como non podía ser doutro xeito, o escritor e doutor da USC, Juan
J. Moralejo. |