|
Parafraseando o
título da película de Almodóvar me vexo e estou nun punto que
non sei se debo rir ou chorar.
Non contentos con intentar amedrentar a xornalistas mediante
querelas fora de lugar…
Non contentos cun silencio cómplice nos desastres de Eume e
Xallas..
Non contentos con gastar diñeiro público en incentivar
campionatos sobre especies alóctonas e invasoras…
Pois agora resulta que tamén lles deu por intentar que o resto
da comunidade que formamos a Federación esteamos caladiños. E os
que nos movemos parece que non imos sair na foto, ou iso creen
eles.
Vaiamos por partes: na asamblea do ano 2009 o que suscribe
parece ser que falou demais. Entre outras cousas díxenlles que
non me parecía de recibo o cómplice silencio que a Federación
adoptara no caso do Eume (na súa acta despachan este tema cunha
referencia a que unha sociedade invitada mencionou o tema),
tamén puxen en dúbida aspectos menores das contas.
Finalmente na asamblea que ven de celebrarse en Lugo esta fin de
semana tiven o meu pago. Consistiu este en non permitirme
acceder á mesma, retirándome o carácter de asambleista que tiven
na anterior. O argumento foi que na constitución da asamblea
tralo período electoral a sociedade á que represento non
dispoñía do número de tarxetas suficientes para estar
representada na mesma. Lémbrolles a Romarís e compaña que en
ningún momento da anterior asamblea se me indicou que non
formaba parte da mesma e por suposto intervín en igualdade de
condicións que o resto de compañeiros alí presentes.
Tamén lles recordo que Xubia adoptou, hai dous anos xa, a
decisión de federar obrigatoriamente a todos os seus socios de
pesca, tralo cal o seu núimero de tarxetas aumentou ata as 58
coas que conta na actualidade.
O que é relevante neste caso é que logo de seguir as súas
argumentacións para aumentar os federados, logo isto non serve
de nada. Tamén direi que non é relevante o argumento de que hai
catro anos non tiñamos ese número de federados, pois xa me
informei de que esa limitación se pode levantar previa
notificación á Dirección Xeral.
Logo disto, ¿qué me queda por pensar? Pois é sinxelo; se nun
caso se permite participar de forma alegal (opinando e incluso
votando) e máis tarde se me impide facelo, sen criterio de
ningún tipo, so me queda un razoamento e este non pode ser outro
que o de que me queren calar como clube, toda vez que as
posicións públicas da sociedade Xuvia sobre toda unha serie de
asuntos non lles gustan nada.
Como non, a sacudida verbal que lles metín na ponencia titulada
“Pesca e Poder” que presentei nas Xornadas do Grupo Miguelpesca
de Rois en novembro do ano pasado imaxino que tiveron moito que
ver na decisión de censurarme.
Non obstante quero que saiba Sr. Romarís -¿ou debería dirixirme
ao que manexa dende as sombras todo o negociado?- que nin
vostede nin outros me van facer calar. Pode que coa aplicación
retorcida da normativa se salve na asamblea polo momento, pero
esta normativa non o vai salvar para sempre. E tamén quero que
saiba que hai moita máis xente que tiña cousas que dicir é os
deixaron fóra da asamblea. Non se preocupe, estou en condicións
de asegurarlle que si ben pensaba que ía ter un fin de mandato
repousado, erra de cheo unha vez máis.
Polo de pronto avánzolle, que a Sociedade de Caza e Pesca Xuvia,
considérase deste este mesmo instante desvencellada da
organización do Campionato Autonómico de Mosca e ningún
directivo nin socio a título individual vai participar no mesmo
logo do agravio cometido con esta sociedade.
Coma comprenderá, unha sociedade que non pode participar nas
Asambleas da Federación non é de fiar, e non pode ter loxística
nin capacidade de organización para un evento así.
Así que a pelota queda no seu tellado.
Non dubido que a estas alturas da lectura dirá vostede: ¿E que
problema hai? Non se preocupe. Da capacidade de organización da
Federación Galega de Pesca non teño nin a menor dúbida; xa a puxeron de manifesto na
organización do Campionato de España do 2007 cando Galicia
quedou en
evidencia ante os pescadores de toda España.
Con todo isto quérolles dicir que se agarren, que veñen curvas. |