|
O sábado 30
de agosto deron comezo ás IV Xornadas de limpeza organizadas pola
Asociación de Troiteiros “Río Furelos”. Ano a ano propuxémonos
retirar deste río e dos seus tributarios, nomeadamente o Catasol,
todo canto lixo se fose depositando neles como consecuencia da
neglixencia, falta de sensibilidade e mesmo a mala fe, por parte de
quen carece da sensibilidade necesaria para entender que por moito
que corra a auga, un río contaminado acaba por converterse nun
cemiterio, nun río morto, e ao remate nun sumidoiro.
Nestes anos sacamos do leito do río todo tipo de restos:
electrodomésticos, enseres domésticos, apeiros de labranza, centos e
centos de metros de arames oxidados, rodas, bicicletas, quilos e
quilos de plásticos… Denunciamos vertidos, procuramos sementar unha
nova conciencia que se traduza nun maior respecto á natureza, en
concreto aos ríos da nosa contorna. O noso labor vai dando os seus
froitos pois cada edición das xornadas atopamos menos lixo no río.
Durante a primeira xornada, a pesar das inclemencias meteorolóxicas,
retiramos do río 300 quilos de lixo, un colchón e unha cama plegable
pasando despois a un xantar campestre e logo no serán retiráronse
catro árbores caídas no río que impedían o curso natural da auga.
Como levamos dito moitas veces, velar pola limpeza dos ríos é cousa
de todos. Dende esta Asociación seguiremos facendo o que estea na
nosa man para que iso sexa así. Xa que logo, e para rematar, o noso
agradecemento anticipado a todos os que, un ano máis, participades,
directa ou indirectamente, nos labores de limpeza e en especial á
Sociedade de Caza e Pesca Xuvia, de Narón e ao seu Presidente Eloi
Saavedra Vidal por compartir con nós este día.
Pero hai algo que nos produce especial desacougo e que fica fóra das
nosas posibilidades de actuación como simple asociación: referímonos
á indolencia ou pasividade coa que os responsables da administración
se enfrontan a determinados feitos que xa foron denunciados por nós
en máis dunha ocasión. Con tal fin a Xunta Directiva de esta
asociación mantivo unha reunión coa alcaldesa de Melide, Socorro
Cea, para falar dos continuos vertidos nos ríos, obtendo o
compromiso do Concello de Melide para que ditos vertidos serán
erradicados a medio prazo mediante a construcción dunha nova
depuradora no Polígono industrial de Melide rematando o prazo de
execución no mes de decembro deste ano.
Melide, 1 de setembro de 2008
Asdo. Xavier Pazo Blanco
Presidente Asoc. Troiteiros Río Furelos |