Rematan as IV Xornadas de Limpeza da Asociación de Troiteiros “Río Furelos”

O sábado 13 de setembro foi o día no que membros da asociación e voluntarios deron por concluídos os labores de limpeza programados para estas IV Xornadas, nas que se lle prestou unha especial atención ao afluente do Furelos, o río Catasol, tan castigado nos últimos tempos por vertidos de zurro e de alcatrán.
Nesta derradeira xornada recolléronse arredor de 100 quilos de lixo do río Furelos, envases, vidro, plásticos, algo que semellaba unha manta ou unha alfombra de grandes dimensións... O certo é que as catorce persoas que participaron, membros da asociación e dous voluntarios chegados de Santiago, puideron comprobar que a idea de que os ríos non deben ser contedores de lixo parece que vai calando cada vez máis na xente.
Pola tarde rematáronse os labores rozando arredor de cincocentos metros arredor da praia fluvial, momento no que recibimos a visita do concelleiro de Medio Ambiente do concello de Melide, Manuel Prado.
Non faltou un cumprido xantar campestre á beira do Furelos, no que foi moi comentado o programa da Radio Galega “Ríos e Montes” emitido precisamente esa mesma mañá, no que Xavier Pazo e Xan Pérez como representantes da Asociación compartiron estudio co profesor Fernando Cobo e, vía telefónica, con Pepe Casal, preparador físico da Selección Española de Baloncesto que acaba de gañar a prata nos xogos de Pequín, gran afeccionado á pesca e, casualmente, o primeiro en alertar sobre a presenza de lampreas no encoro de Portodemouros.
A todos os que non tivesen oportunidade de escoitar o programa recomendámoslles que o fagan a través da páxina da Radio Galega en internet (www.crtvg.es), dado que nel se trataron os desastres do Catasol, ao tempo que o Profesor Fernando Cobo deu conta das investigacións levadas a cabo por el e o seu equipo nos últimos cinco meses, para desentrañar a inexplicable presenza de lampreas no río Ulla máis arriba do encoro de Portodemouros. Á falta de concluír o traballo, a hipótese máis plausible para el é que as lampreas foron introducidas dalgún xeito por alguén. O risco non é grave a non ser que estas colonias de lampreas, (tres de diferentes idades) sexan quen de completar o ciclo vital nas augas do Ulla, converténdose daquela nunha especie invasora que cumpriría erradicar, tal como ocorreu nalgunhas lagoas de Canada e EEUU.
Desde aquí o noso agradecemento ás gabanzas expresadas polo profesor Cobo e polo medallista, Pepe Casal, por valorar de maneira encomiable o noso traballo a prol da conservación dos ríos. Parabéns e agradecementos, por suposto, ao director do programa “Ríos e Montes”, Miguel Piñeiro, polo interese e seguimento que fai do traballo da nosa Asociación.
Coma sempre, grazas a todos os que participaron ou fixeron posible a celebración destas IV Xornadas de Limpeza.
Asoc. Troiteiros “RIO FURELOS” de Melide
www.riofurelos.es
Melide, 15 de Setembro de 2008

volver a índice de especiales