|
Na asamblea celebrada días atrás
aprobáronse entre outras cousas o calendario de actividades para esta
temporada.
Como nos últimos anos, comezaremos coas xornadas de limpeza dos dous
ríos que abranguen a extensión do couto de pesca, o Rois e o Valeirón.
Por sexto ano consecutivo comezaremos polas actividades medioambientais.
A limpeza do río Rois será o sábado 7 de febreiro, concentrándonos todos
os participantes na praia fluvial de Seira entre as 15:30 e as 16:00 h,
dende onde se partirá para recoller o lixo espallado polas marxes e
arredores do río. A seguinte cita será o 14 deste mes, na que nos
xuntaremos de novo para afrontar a limpeza e recollida de lixo no río
Valeirón, concentrándonos no Bar Liñares á mesma hora que na anterior
cita. Para esta actividade o Clube Londra fai un chamamento a todos os
que nos queiran botar unha man nesta actividade que non só interesa aos
pescadores senon que é un labor da que nos imos beneficiar todos,
pescadores e veciños.
Dentro das actividades medioambientais tamén se inclúen a limpeza e
creazón de vieiros para os pescadores e para todos os que se acheguen a
estas fermosas paraxes, incluidas nalgún tramo na Rede Natura e cos
muíños recén restaurados, labor que levou a cabo o Concello dándolle
unha imaxe inigualable, así como a colocación de sinais indicativas do
couto de pesca e as súas delimitacións e tramos vedados.
Será nas actividades deportivas onde o couto de Rois se vista de gala
esta temporada pois dous grandes eventos deportivos se disputarán nas
súas augas: o 10 de maio e coa organización da F.G.P. disputarase o
Campionato Galego de Salmónidos Lance que acollerá aos 24 mellores
pescadores de Galicia nesta modalidade, dentro dos que se encontra
clasificado un pescador de Londra, José Rabuñal Caamiña, que pescando na
casa intentará facerse con un posto na Selección Galega para afrontar o
Campionato de España.
Pero non se queda ahí a cousa, os días 4, 5 e 6 de setembro celebrarase
no Couto de Rois o VII Open de España de Salmónidos, Trofeo Presidente
da Xunta de Galicia, nas categorías de Benxamín, Infantil e Xuvenil, no
que participarán a Selección Galega Xuvenil de Salmónidos Mosca,
actualmente campións de España e terceiros do Mundo.
Aparte de estos dous eventos, tamén o Clube Londra desenvolverá as
actividades que cada ano se celebran no Couto de Rois, como son o VI
Campeonato de Pesca Concello de Rois (o 10 de abril), Lecer e Pesca (o 4
de xullo), o II Campionato de Pesca a Mosca Santiaguiño do Monte (o 18
de xullo) colaborando co Club de Pesca W. Latorre e se disputará o II
Selectivo Social de Pesca a Mosca.
Fóra xa do noso río, durante a temporada o Clube Londra participará nos
diversos campionatos que se celebran por toda a autonomía onde xa se
fixo un oco e se lle recoñece o sea labor.
Ao longo da temporada levarase a cabo un curso de iniciación, lance e perfeccionamento na
pesca con cola de rata, que impartirá o experimentado mestre e socio de
Londra, Rafael de la Iglesia.
Rematada a temporada de Pesca está prevista a celebración en Rois do II
Foro de Análise e Debate do Grupo MiguelPesca e o Xornal de Pesca
Deportiva Trueiro que achegarán a Rois aos mellores ponentes e
científicos no arte da pesca e o medio natural, complementándose esto
con actividades paralelas de montaxe de moscas, culleriñas e unha
exposición de material e artes de pesca.
Tamén, como novidade, rematada toda a actividade pescantil, o Club
Londra, celebrará a I Gala do Club de Pesca Deportiva LONDRA, na que
aparte de xuntarnos todos para pasar unha agradable velada,
entregaráselle unha distinción ao pescador do Clube máis laureado
durante toda a temporada e recoñecerase da mesma forma o apoio que nos
brindan empresas e medios de comunicación. |