VIII XORNADA DE LIMPEZA NO RÍO VALEIRÓN

Este sábado levouse a cabo a segunda cita das VIII XORNADAS DE LIMPEZA E RETIRADA DE REFUGALLOS NOS RÍOS DE ROIS, organizadas polo CLUB LONDRA.
Nesta segunda cita afrontouse a limpeza do tributario Valeirón na que participaron 23 persoas, entre pescadores e amantes da natureza, contando tamén coa participación de Protección Civil de Rois.
Ás catro da tarde concentráronse na Ponte de Basa de onde partiron repartidos en parellas e durante dúas horas percorreron os tramos asignados para retirar toda clase de refugallos que se encontraban espallados polas marxes e cauce do río.
Retirouse unha cantidade semellante á da anterior xornada, uns douscentos quilos, entre os que se encontraban maioritariamente plásticos, destacando unha antena de tv e unha batería de coche.
Ao rematar e despois de facer a foto de rigor, os participantes desprazáronse ata o Bar O Pemento de Seira onde degustaron unha estupenda merenda, xentileza do CLUB LONDRA.
Despois das dúas citas destas VIII XORNADAS DE LIMPEZA NOS RÍOS DE ROIS, o CLUB LONDRA logo de oito anos consecutivos retirando resíduos dos cauces dos ríos Rois e Valeirón, fai unha valoración moi positiva; cada vez retírase menos lixo, dada a concienciación veciñal e cada vez é maior a participación, tanto de pescadores como de amantes da natureza, sumándose ano tras ano máis persoas a estas xornadas, o cal LONDRA agradece e anima a todos para que cada vez sexan máis os que participen, para deixar estas xoias que son os ríos de Rois en perfecta armonía ca natureza que os rodea e libres de lixo para o disfrute de todos.
A Directiva do CLUB LONDRA agradece todas as axudas e colaboracións recibidas nestas xornadas de limpeza, tanto por parte dos socios e pescadores, como de Destilerías Compostela, do Club W.LATORRE de Padrón e de Protección Civil de Rois.
Comunicación Club Londra

volver a índice de especiales