XI Campionato Concello de Rois

O venres 18 de abril disputouse a decimoprimeira edición do Campionato de Pesca Fluvial “Concello de Rois” que organiza o Club de Pesca Deportiva Londra na modalidade, como sempre, de pesca sen morte.
Este campionato reúne a alguns pescadores da élite da pesca galega na modalidade de lance.
Este ano, na categoría Senior, participaron varios campións galegos, campións provinciais, membros da Selección Galega de Lance e un campión de España por equipos.
Tamén hai que destacar os participantes na categoría Xuvenil, xa que estes veñen de acadar a temporada pasada o subcampionato no Open de España de Pesca, atesourando tamén nas pasadas temporadas outros dous títulos de campións do Open de  España. Nesta categoría, cómpre destacar a Jesús Canicoba Aboy, que pese a súa corta idade ten no seu palmarés os mesmos títulos por equipos que os seus compañeiros, contando tamén a título individual con  tres títulos de Campión no Open de España, poñéndollo estes rapaces cada vez máis difícil e complicado aos da categoría Senior.
Ás 07:00 h, os trinta pescadores inscritos e os acompañantes déronse cita na Taberna O´Pemento de Seira onde, logo do preceptivo sorteo para os emparellamentos e as mangas, trasladáronse ao esceario da proba, o Couto de Rois. A mañá non auguraba unha boa pescata xa que o día amenceu moi frío e con neboa; nada que ver coa xornada anterior cunha climatoloxía venariega con mais de 25º de temperatura.
Ás 8:00 h, daba comezo a primeira manga. Á súa conclusión e entregadas as plicas, cumpríanse os piores presaxios xa que os participantes que tiveron en sorte pescar nesa primeira manga presentaban uns pobres resultados, somente cinco troitas en plica entre todos.
Logo do refrixerio, do cambio de controis e do descanso dunha hora, daba comezo a segunda manga sen moitos cambios nas condicións climatolóxicas. A pouco de comezar, parecía que a neboa queria levantar e incluso asomou algunha raioliña de sol entre as nubes. Á conclusión desta segunda manga se confirmaba que se pescara mellor que na primeira.
A Dirección Deportiva do campionato pechaba o posto de control cun total de 46 pezas capturadas e daba a coñecer a clasificación:

CATEGORIA SENIOR:
1º. JOSÉ LUIS BLANCO
2º. JAVIER TORRES
3º. JOSÉ EIRAS
4º. RAMÓN BERNÁRDEZ
5º. MIGUEL PIÑEIRO

CATEGORÍA XUVENIL:
1º. RICARDO PEREIRA
2º. JESUS CANICOBA
2º. ALEJANDRO BLANCO
4º. MARCOS FERRO

CATEGORÍA DAMAS:
1ª. CARLOTA GUIMAREY
2ª. MELANIE GESTOSO
3ª. ALBA CASTRO
4ª. NIEVES IGLESIAS

PEZA MAIOR:
JOSÉ EIRAS RODRÍGUEZ cunha troita de 27 cm

Acto seguido, pescadores, acompañantes e organización, gozaron dun xantar de confraternidade no Bar-Restaurante Bernabé, onde tivo lugar a entrega de premios e o sorteo de numerosos regalos entre todos os participantes.
Cabe destacar neste acto, a homenaxe que o Club de Pesca Deportiva Londra lle fixo a tres colectivos que colaboran activamente co clube: Emerxencias Rois Voluntariado, Distrito IV da Gardería de Medio Ambiente e a Gardería Privada do Couto de Rois, aos cales se lle entregaron sendas placas de homenaxe e agradecemento a sua decidida colaboración.
O Clube de Pesca Deportiva Londra quere agradecer a colaboración dos patrocinadores, das casas comerciais, firmas do sector da pesca, grupos e páxinas de internet, á prensa escrita e a todos os que dalgunha maneira tiveron a xentileza de axudarnos para poder organizar e levar a cabo este XI Campionato de Pesca Fluvial “Concello de Rois”.

volver a índice de especiales