Xornada de debate do Proxecto Migranet

Durante a mañá do sábado día 1 de decembro tivo lugar na aula Magna da Facultade de Bioloxía de Santiago unha Xornada de debate para a elaboración dun documento marco de xestión dos peixes migradores de Galicia.
A esta xornada asistiron representantes diversas organizacións, asociacións, clubes e medios de comunicación; cómpre citar á Sociedade de Ciencias de Galicia e Augas de Galicia, Asociación para el Estudio y Mejora de los Salmónidos (AEMS), Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA), Asociación española de Entomología (AeE), Asociación Ibérica de Limnología (AIL), Proxecto Ríos, ADEGA, Asociación de pescadores do Río Masma, Asociación de Troiteiros “Río Furelos”, Club Azor de Ames, Club Londra de Rois, Sociedad Deportiva Río Ulla, CIT da Pontenova, Club Tambre, Club Salmo, Ríos e Montes (Radio Galega) e Xornal de Pesca Deportiva Trueiro.
Durante a xornada debateuse sobre a xestión e conservación das poboacións de salmón, reo, zamborca, anguía e lamprea nos ríos de Galicia, en base á seguinte estrutura por temas:
- calidade da auga e obstáculos á circulación fluvial
- avaliación das poboacións e patoloxías específicas
- xestión e lexislación da pesca fluvial
- comunicación, divulgación e educación.
O proxecto europeo “MIGRANET-OBSERVATORIO DAS POBOACIÓNS DE PEIXES MIGRADORES NO ESPAZO SUDOE” é un proxecto de cooperación transnacional cofinanciado polo Programa de Cooperación Territorial do Espazo Suroeste Europeo (SUDOE) INTERREG IV B a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da UE.
O obxectivo do proxecto MIGRANET é configurar unha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores a longo prazo que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre elas comprometendo a súa supervivencia, e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas. Para acadar este obxectivo, creouse un observatorio das poboacións de peixes migradores do Espazo SUDOE co fin de contribuír a súa conservación e recuperación, e púxose en marcha unha rede de control formada por varios ríos de Portugal (Norte), España (Galicia) e Francia (Aquitaine).
No proxecto contémplase que os resultados obtidos polo observatorio sexan transferidos aos sectores económicos e sociais, de xeito que se promova un marco de xestión das poboacións destes peixes que asegure a súa conservación.
MIGRANET considera que a participación pública é fundamental para a elaboración dun Documento Marco de Xestión e Conservación dos recursos, que se editará e se entregará á administración para que tome en consideración a opinión consensuada dos expertos e dos axentes sociais implicados.

volver a índice de especiales