|
Santiago, 9 de febreiro de 2010.- O Diario
Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde
da Consellería do Medio Rural pola que se
establecen as normas de pesca nas augas
continentais da Comunidade Autónoma de Galicia
durante a tempada 2010. Esta norma entrará en
vigor ao día seguinte da súa publicación, e
manterase vixente ata a publicación da
correspondente á tempada do ano 2011.
Nesta orde especifícanse as normas xerais de
pesca fluvial de distintas especies ictícolas
(de peixes) e dos demais seres vivos que habitan
as augas continentais de Galicia. Así,
establécense as épocas hábiles, tamaños mínimos
das especies, cotas de captura, tipos de engado
que se empregarán en cada caso e modalidades de
pesca permitidas. As especies ás que se fai
referencia son: salmón, reo, troita, perca
negra, saboga, anguía e lamprea, así como as
especies de esteiro (robaliza, muxo, solla,
etc.), para as que se fixa un réxime especial.
Na orde publicada hoxe menciónanse tamén as
especies vedadas en tódalas masas de auga
(cangrexo de río, reñosa, espiñento e sábalo).
Engádese que está vedada a anguía no río Eo.
Sobre as xornadas hábiles para a práctica da
pesca, con carácter xeral decláranse os luns
como inhábiles, agás festivos nacionais ou
autonómicos. Nos coutos de pesca e nos tramos do
río Navia compartidos con Asturias serán tamén
inhábiles os xoves, agás festivos. Tamén se
establece que nas zonas de desembocadura e nos
encoros nos que se autoriza a pesca de
ciprínidos (carpas) e perca negra durante todo o
ano serán hábiles tódolos días da semana para a
captura de especies distintas dos salmónidos.
Modalidades de pesca.
Canto ás modalidades
de pesca, como regra xeral e para tódalas
especies, só se autoriza a pesca con cana, sen
prexuízo da regulamentación específica da
anguía, angula ou meixón, a lamprea e o cangrexo
vermello americano. Só se permite o emprego
dunha cana por persoa, a unha distancia máxima
do pescador ou pescadora de tres metros e dunha
sacadeira ou un lazo como elemento auxiliar.
No que atinxe á pesca sen morte, autorízase
unicamente a mosca artificial nas súas distintas
modalidades e a culleriña cun só anzol e sen
arponciño, quedando prohibido para tódolos
efectos o engado natural. Ademais, especifícase
que tódalas capturas deberán ser devoltas á auga
inmediatamente despois da súa extracción.
|