I Campionato de Pesca Río Pambre

O 18 de maio disputouse nas augas do río Pambre a primeira edición do Campionato de Pesca organizado pola Asociación de pesca “Río Pambre”. A convocatoria tivo moito éxito xa que se inscribiron 32 pescadores para os 12 postos dispoñibles e a sorte estivo moi repartida porque os agraciados no sorteo foron pescadores de Melide, Toques, Lugo, Monterroso, A Fonsagrada, O Páramo, Palas de Rei e O Pino.
A xornada comezou ás 7,00 da mañá no bar Pardellas, onde se reuniron os 12 participantes. Alí, despois do preceptivo café, procedeuse ao sorteo dos tramos de río (760 metros) que ocuparía cada troiteiro, todos con cadanseu xuíz.
De camiño ao río nunha mañá fría, os nubeiros ameazantes, cadaquén ía cavilando nas estratexias necesarias para contrarrestar coa máxima habelencia as inclemencias do tempo.
Ás 8,30 deu comezo a competición e rematou coa concentración dos participantes ás13:00 horas para xuntárense todos na Casa Blanco en San Anbreixo ás 13:30. Mentres a organización os agasallaba cuns pinchos, levouse a cabo o reconto e medición das capturas. Rematados os labores de control por parte de representantes da Asociación o resultado da competición foi o seguinte:
En total pescáronse 42
troitas da medida.
O campión por número de capturas foi: José Ramón Carril Carrillo de O Pino, que foi quen de meter no cesto 10 troitas.
O 2º lugar ocupouno o mozo de 15 anos Brais Castelao Cendán de A Fonsagrada, con 9 capturas.
O 3º posto foi para Luis Carlos Frade Prado de Toques que meteu no cesto 9 troitas.
O 4º lugar foi para Rubén Gómez Lodeiro de Melide que capturou 9 troitas.
O premio pola mellor captura recaeu en Jorge Fernández Garcia de Lugo que presentou unha troita que deu 27,5 centímetros.
Na mesma Casa Blancol tributóuselles un recoñecemento simbólico aos gañadores, porque a entrega de premios ficou reservada para o xantar que se celebrou ás 14:30 na casa rural de A Bolboreta. Ademais dos premios que lle foron entregados aos triunfadores, membros da Asociación tamén entregaron agasallos en forma de material a todos os participantes.
A directiva da Asociación de pesca río Pambre, manifesta a satisfacción polo impecable desenvolvemento do campionato, o extraordinario comportamento dos participantes e a profesionalidade dos xuíces que controlaron todo o proceso, malia as inclemencias do tempo.
En nome da Asociación, o seu presidente, Iván Bruzos Cendan, quere rematar este comunicado felicitando publicamente aos gañadores e, en xeral, a todos os participantes, e agradece, máis unha vez, o esforzo de a Consellería de Medio Ambiente, empresas e particulares que colaboraron na organización desta I edición do campionato.

Iván Bruzos Cendán
Presidente da Asociación de pesca río Pambre

volver a indice de especiales