Inauguración da pasarela de Ximonde

O conselleiro de Medio Ambiente participou, xunto co delegado do Goberno en Galicia, na inauguración desta infraestrutura financiada polo Estado.
Veciños e pescadores da Estrada e Vedra volven a desfrutar dunha pasarela peonil en Ximonde, logo dun investimento que superou os 500.000 €.
A ponte substitúe a unha anterior que foi derrubada por unha riada.
A pasarela de case 100 metros une ambas marxes do río Ulla no couto salmoneiro de Ximonde
A Xunta de Galicia está a desenvolver o Proxecto Life + MARGAL-ULLA, que busca mellorar o estado de conservación ambiental da conca do río Ulla a través da análise da toupa de río e do mexillón de rio.
26 de xullo de 2012.
Os veciños e os pescadores volven a disfrutar da pasarela de Ximonde.
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, inaugurou, xunto co delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, dita infraestrutura na que se investiron máis de 500.000 €, e que foi executada polo Ministerio de Medio Ambiente.
A nova pasarela, cunha lonxitude de case 100 metros, une ambas marxes do río Ulla, entre Vedra e A Estrada, á altura do couto salmoneiro de Ximonde. No mesmo lugar xa houbo unha pasarela que foi derrubada por unha forte riada no inverno do ano 2000, un feito que deixou aos veciños e pescadores sen unha vía para cruzar o río. A nova pasarela construíse uns metros máis abaixo nunha zona mellor para as cimentacións.
O conselleiro de Medio Ambiente destacou que esta actuación facilita o paso á estación de captura, o Centro Ictiolóxico.
Na Comunidade autónoma galega existen catro centros ictiolóxicos, ubicados en Carballedo (Cotobade, Pontevedra), de salmón e troita; Veral (Lugo), de salmón e troita; Sobrado dos Monxes (A Coruña), só troita, e O Carballiño (Ourense), só troita. Trátanse de estacións de captura que serven para analizar os exemplares de salmón –salvaxes ou de repoboación, medidas, peso, se levan chip, etc.- e ter datos precisos sobre a dimensión e características da poboación existente.
Tamén hai outra instalación similar, como as de captura en Monteporreiro, no Lérez. As estacións de captura son escalas ubicadas aproveitando presas existentes que impiden ou dificultan o remonte dos salmóns que buscan as zonas de desova nas cabeceiras das concas salmoneiras. Nestas escalas instálase un capturadeiro e unha zona accesible ao persoal responsable de contar e medir os salmóns antes de deixalos continuar o seu camiño cara aos frezadeiros.
Con estes datos, ademais de ter unha visión sobre a situación existente no río e da poboación de salmóns, establécese a cota de captura permitida, co fin de compatibilizar a preservación da poboación sen renunciar á pesca deportiva. Na temporada actual o cupo foi de 35 salmóns nos tres cotos existentes no río Ulla (Ximonde, Couso e Sinde).
No río Ulla establecéronse medidas para reducir a presión sobre a especie en canto a cupos de captura e control de acceso dos pescadores: veda, tempada de pesca, días permitidos, etc. e tamén para profundizar no coñecemento da mesma e das súas poboacións neste sistema fluvial.
Recuperación do Ulla.
Por outra banda, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, está a desenvolver o Proxecto Life + MARGAL-ULLA, no que participan tamén a Consellería de Medio Rural e Mar e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ten unha duración prevista de 5 anos, rematando en agosto de 2015.
Grazas a este proxecto, contribúese á mellora do estado de conservación ambiental da conca do río Ulla a través da análise da toupa de rio (Galemys pyrenaicus) e a náiade ou mexillón de río (Margaritifera margaritifera). Ambas especies atópanse moi vencelladas á calidade do noso propio medio ambiente, xa que son bioindicadoras do estado do río, e a súa conservación beneficia a outras.
Así mesmo, está em marcha o proxecto MIGRANET para a creación dun observatorio do estado e evolución das poboacións de peixes migradores do espazo SUDOE (Portugal – España –Francia), fundamentalmente para a lamprea mariña, anguía, sábalo e saboga, salmón e troita.
O proxecto foi aprobado en novembro de 2010 e forma parte do programa INTERREG IV. O seu custe é de 0,62 millóns de euros e ten previsto a súa finalización para decembro de 2012. Participan a Consellería de Medio Ambiente, a USC, a Universidade de Porto, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal e o Institut National de la Recherche Agronomique (INRA) de Francia–Aquitaine.

volver al indice de especiales