SUBEN OS PERMISOS DE PESCA

MEDIO AMBIENTE ACTUALIZA AS TARIFAS PARA A EXPEDICIÓN DE PERMISOS DE PESCA
-As que se aplican na actualidade están vixentes desde o ano 1994, é dicir, case 20 anos.
-A medida responde tamén a unha reivindicación dos comités de pesca, xa que os prezos actuais estaban desfasados con respecto a outras autonomías españolas o que dá lugar á práctica dalgúns abusos na utilización dos coutos de pesca.
-Os ingresos que obtén a Xunta de Galicia por este concepto e polo das licenzas de pesca fluvial non son senón unha pequena parte do que inviste cada ano a Administración galega na protección e defensa dos nosos ríos e das especies que os habitan.


O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de 18-7-2013 o Decreto polo que se actualizan as tarifas e prezos públicos para a expedición dos permisos da actividade de pesca, modificando deste xeito o Decreto 119/1994, do 28 de abril, mediante o cal se fixaban estes prezos.
Este cambio nas tarifas considérase necesario porque na actualidade se manteñen as cotas de hai case 20 anos. Responde esta suba tamén a unha reivindicación feita nalgúns comités de pesca, que entendían que os prezos actuais destes servizos estaban desfasados con respecto aos niveis habituais noutras autonomías españolas o que dá lugar á práctica dalgúns abusos na utilización dos coutos de pesca.
Coa actualización das tarifas, os prezos quedan da seguinte forma:

Modalidade de pesca

Categoría

Prezo actual

Novo Prezo

Salmón e demais especies 9,02 13

Reo e demais especies, agás o salmón

6,01 8 €

Troita e demais especies, agás o salmón e o reo

3,01 4 €

Ciprínidos e demais especies, agás os salmónidos

1,50 2 €

 Nos coutos de pesca sen morte

Pesca sen morte 1,50 2 €

Pesca intensiva

  4,51 6 €

Os permisos de primeira, segunda, terceira e cuarta categoría seguirán sendo gratuítos no caso de que sexan para concursos deportivos oficiais e para entidades colaboradoras non concesionarias titulares dun aproveitamento piscícola (na porcentaxe que lle corresponda) ou coas que exista un convenio.
Estes prezos actualizaranse cada ano o 1 de xaneiro, na mesma proporción que a variación experimentada polo índice xeral de prezos de consumo.
O texto foi sometido ao trámite de audiencia das entidades presentes no Comité Galego de Pesca Fluvial (representación de entidades federativas, naturalistas e as entidades colaboradoras de pesca fluvial), que comprenderon a oportunidade e conveniencia desta medida. Tamén foi publicado na páxina web, vía pola que non se presentaron alegacións.
Por outro lado, os prezos actualizados están bastante axustados aos gastos que a actividade piscícola supón para a Xunta de Galicia, máis dun millón de euros, polo que o total de ingresos previstos (por permisos e por licenzas de pesca) ascende a 1,3 millóns de euros.
Os ingresos que obtén a Xunta de Galicia por este concepto e polo das licenzas de pesca fluvial non son senón unha pequena parte do que inviste cada ano a Administración galega na protección e defensa dos nosos ríos e das especies que os habitan.

Xunta de Galicia

volver a índice de especiales