|
Define Focault o
concepto de poder como a posibilidade de facer cousas. Non é por
tanto poderoso o home que ten armas ou cartos, senon aquel que
controla os resortes que lle permiten facer e desfacer.
Estamos pois ante un concepto moi amplo, que ainda que sexa
interpretado pola xente como un concepto xurídico-represivo ten
unha amplitude moito maior.
Xa que logo é o concepto de poder, a representación ou
materialización de toda a serie de estructuras interpersoais que
dan lugar ás estructuras inmateriais nas que se basea o
funcionamento social. Polo tanto non nos confundamos,
posiblemente algúns pensen que estas liñas van de como nos
avasalan dende a administración, pero non, imos tratar
de entender como é posible que unha parte da sociedade galega,
cifrada en máis de 80.000 individuos se facemos caso das
estimacións de licencias de pesca fluvial, pode ser tan puteada
e ninguneada como este colectivo.
Quizais parte destes males veñan dos micropoderes que se
estableceron en altas estancias administrativas por parte de
determinado estamento de técnicos que non queren deixar de ter
as cotas de poder e recursos que se lles asignaron (ou tomaron)
a cargo dos programas de recuperación de rios en Galicia (sic).
Outra posibilidade é que os poderes fácticos da economía que
poden ver ameazados os seus intereses (minicentraleiros,
macrocentraleiros, contaminadores vareados, etc) inflúan neste
colectivo funcionarial para que nos ningunee. Pero isto non pode
explicar a situación actual de invisivilidade social do
colectivo antes referido.
Desta maneira soamente me queda unha opción: NOS MESMOS SOMOS OS
RESPONSABLES DESTA INVISIBILIDADE SOCIAL.
E poño o exemplo dun grupo que si ostenta poder fáctico. Este
grupo é o movemento ecoloxista. Son moitos menos que nos, non
teño datos pero a súa afiliación non creo que sobrepase en moito
os 4.000-5.000 afiliados, sendo optimistas.
A cambio desta parca afiliación, teñen unha visibilidade social
mais que importante, conseguindo en moitas ocasións que as súas
propostas, ou mais comunmente protestas, teñan que ser rebatidas
por moitos estamentos sociais que teñen intereses enfrontados ós
seus e en moitas ocasións e en teoría teñen mais representación
social, tanto numérica como identitaria.
¿Qué os diferencia de nós? Sen dúbida a ben estudiada de
funcionar como un lobby ou grupo de creadores de opinión. O seu
proceder baséase en que calquera que se opoña aos seus
intereses, ainda que estes sexan perfectamente lícitos, deberá
proceder a facer unha xustificación dos mesmos para ter algunha
credibilidade. Algunha xente estará a pensar en que isto se debe
á conciencia ecolóxica emerxente na nosa sociedade. Algo disto
hai, pero non nos enganemos, o 70% da sociedade non ten este
novo sentir, e nembargantes estes grupúsculos seguen a ser
creadores de opinión e censores autorizados. Pero no seu
proceder hai dous feitos ben craros:
- Sempre entran en prensa con titulares que eles mesmos inician,
e polo tanto isto dalles a vantaxe de iniciar o debate nunha
postura de forza, debendo o colectivo ou persoa enfrontado ás
súas opinións demostrar longamente os seus argumentos, non así
eles que xogan a atacar, nunca a defenderse.
- Por outro lado, a pesar de ser un colectivo totalmente
heteroxéneo xamais deixan ver esta debilidade en público, co que
xa levan gañada outra batalla.
Si un grupo con tan pouca base social (por moito que eles digan
que TODA a sociedade pensa o mesmo, feito indemostrable, pero
que os que non pensamos o mesmo debemos de xustificar e
demostrar) pode ter unha visibilidade social tan alta ¿qué nos
impide aos pescadores tela?
O quid da cuestión posiblemente estea nas persoas ás que lles
encomendamos a nosa representación. O problema da Federación
Galega de Pesca posiblemente sexa que tratan, ó igual que o
movemento ecoloxista, de arrogarse a representación de 80.000
persoas que pescan, pero este feito cada vez queda mais no aire,
e ata costa crer que poidan representar aos menos de 3.000
federados que están no seu organigrama. Quizais os feitos e
decisións erráticas pesan moito na invisibilidade desta
Federación actual, pero non é menos certo que estes
procedementos de actuación seguen a ser a súa moeda de cambio
actual, co que esta visibilidade escasa ou mais propiamente nula
se perpetua. O feito é que o poder de que goza esta institución,
tanto na súa relación coa Administración, como coa presenza
escasa nos medios de comunicación, é un valeiro absoluto.
E todo isto conduce a que os anceios e reclamacións do colectivo
de pescantíns nunca cheguen aos responsables últimos de darlle
resposta: OS POLITICOS.
A clase política galega é evidente que, na súa maior parte,
pouco saben do noso mundo. Os nosos representantes da Federación
xa vemos que pouco fan por facerse ver como por transmitir as
queixas da súa base.
Quizais xa é tempo de que se temos craro que os nosos
representantes autorizados federativos (segundo din eles) non
fan que o noso colectivo dispoña de poder decisorio, encetemos
unha nova xeira de facer representación do colectivo de
pescantíns non baseado en estructuras preconstitucionais coma a
Federación senon noutras mais de base como as Sociedades de
Pesca.
As Sociedades de Pesca, ao igual que a Federación poden ser
estructuras anquilosadas e sen vida social. Pero isto non é o
común. A pesar das eivas na financiación que presentan os
convenios coa consellería de Medio rural como entidades
colaboradoras (en moitos casos non se pode dispoñer do colchón
financieiro suficiente para optar a unhas axudas das que non se
sabe a cuantía concedida ata o momento en que se cobran, e
despois veñen os problemas) creo que o traballo que
desenvolvemos as sociedades colaboradoras, é mais que relevante
no que atingue á conservación dos nosos ríos, nalgún caso
incluso por riba das nosas posibilidades coma no caso de Salmo,
enfrontándose ao xigante de Ferroatlántica.
Esta forma de ver as cousas tratouse de plasmar nos acordos de
colaboración de Tor. Lamentablemente a paralización deste centro
por problemas internos privounos dunha plataforma da que partir.
Non obstante insisto en que este é o camiño, e que a
lexitimidade que nos dan os nosos traballos a prol das augas
fluviais, debe ser suficiente para tomar o noso papel na
representación e visibilización do mundo da pesca deportiva.
Creo que temos a obriga de que o concepto de poder se poida
aplicar ás organizacións de pescadores, non polo que marca o seu
nome e estatutos, senon pola importancia da laboura que levan a
cabo a cotío.
Os políticos son creadores de problemas en tanto que sobre todo
nos seguintes estamentos non cumpren coas súas obrigas:
- Administración local: o saneamento de augas fecais.
- Administración autonómica (Medio Rural e Medio Ambiente no
caso): paralización dos aproveitamentos minihidráulicos. Fálase
de que se van desbloquear en datas próximas 31 aproveitamentos,
e non parece existir intención de rescatar os mesmos (opción que
plantexaba acertadamente ao meu ver, o governo do bipartito)
E se os políticos non cumpren con estes dous temas troncales
para a supervivencia dos ríos me temo que en vez de H2OT
(Hidróxido de troita) teríamos H2OM (Hidróxido de merda) (Moralejo
dixit).
Proposta da Consellería de Medio Ambiente para asumir as
competencias municipales de depuración de augas residuales. Non
sabedes o que me alegra que este tema, que en decembro de hai
dous anos se lles plantexou a unha serie de responsables
políticos do Partido Popular (encabezados polo Sr. Castiñeiras),
tomaran boa nota da proposta que se lles fixo no marco dunha
reunión con sociedades de pesca. Esta proposta por certo non foi
ben acollida por un dos políticos presentes nesa mesa (problemas
legales decía), pero finalmente parece ser que si é valida. Sin
entrar á analise a fondo desta noticia, non poido deixar de
pensar que o feito de que Augas de Galicia centralice o control
do tratamento das augas residuales, poida que mellore
sustancialmente o estado das augas dos nosos ríos.
E esta proposta foi feita nunha reunión na que creo que non nos
dedicamos a facer declaracións nin boas palabras, na que incluso
se lles advirteu a aqueles políticos presentes que si non
cumprían cós seus compromisos, e voltaban ás andadas có tema
minicentraleiro teríannos enfronte como asociacións
comprometidas cós noso ríos e como cidadáns responsables.
Esta proposta que en principio parece máis que razoable polo que
ten de deixar sen as competencias a alguen que non tiña cartos e
recursos para materializar as súas obrigas (non creo esaxerar si
digo que un 90% dos concellos de Galicia non teñen recursos
suficientes para este capítulo ou prefiren invertilos noutros
capítulos). Pero ollo, ¡¡¡De non ter controis e auditorías
rigurosos, esta centralización e mellora da explotación das
plantas EDAR en mans de Augas de Galicia, que evidentemente
subcontratará este servicio o mesmo que se fai hoxe, quedará
como unha quimera. O paso lóxico estará na creación dun
organismo consultivo que vixíe os obxectivos de saneamento, no
que obviamente deberían estar integradas as sociedades de pesca.
Outro tema que debería centrar os esforzos e creacións de
presións por parte do noso colectivo entendo eu que é o referido
ó estamento dos técnicos da Xunta.
Entendo eu que o labor dos técnicos debe ser dupla:
- Por un lado, deben diagnosticar e atopar soluciones aos
problemas que presentan os nosos ríos.
- Por outro, deben buscar solucións ás demandas dos cidadáns,
que por fin son os que pagan as súas nóminas.
Non se entendería a primeira condición sin a segunda, nin á
inversa. Pero para algún estrato dos técnicos isto non é
importante, e moitas veces toman decisións que atentan contra os
dereitos dos cidadáns sen titubear e sen xustificar as mesmas
ante ningún organismo que defenda a estes.
Non se entende que moitos presidentes de entidades colaboradoras
(eu mesmo incluído) non coñeceramos aos delegados provinciais
nin de vista, e parte dos técnicos da Dirección Xeral nos sonen
de publicacións únicamente. O problema de entendemento é
evidente, pero me queren dicir ¿Cómo imos respectar e valorar o
seu traballo, se non os coñecemos persoalmente, e non nos
explican as súas actacións? Iso sí, logo podemos atoparnos con
que se toman decisións acerca dos nosos cauces sin consultarnos
previamente a nosa opinión acerca destas medidas (e o que é
peor, posiblemente descoñecendo parte das realidades sobre as
que van intervir).
O concepto de TECNICO TOCADO POLA VARIÑA DA CIENCIA=SER
INFALIBLE, posiblemente teña que ser revisado, e sobre todo
cando están a demostrar cunha regularidade preocupante
descoñecer o contexto que rodea ós ríos nos que interveñen.
En canto á oposición ás minicentrais creo que xa todo está dito.
De non dar atrás na luz verde que se lles deu aos novos
aproveitamentos hidraulicos, que se saiba que nos poñeremos en
pe de guerra, como no puxemos cando atacaron ó noso Eume con
autovías contaminantes. |