|
Santiago, 18 de novembro de 2011.
A Consellería do Medio Rural aposta pola recuperación e posta en
valor do salmón atlántico nos ríos galegos. Na provincia de
Pontevedra -xunto coa de Lugo– concéntranse as poboacións máis
importantes dentro da nosa Comunidade. Así o salientou hoxe o
conselleiro Samuel Juárez na solta de 5.000 alevíns desta especie no
río Lérez ao seu paso polo termo municipal de Campo Lameiro, acto no
que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en
Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo director xeral de
Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, entre outras
autoridades.
O titular de Medio Rural destacou a importancia da recuperación do
salmón atlántico en Galicia en xeral e de xeito particular no Lérez,
e explicou que entre 1997 e 2009 soltáronse neste río un total de
850.000 xuvenís desta especie.
Plan de recuperación
Segundo explicou Samuel Juárez, hai que ter en conta a enorme a
sensibilidade desta especie no límite do seu hábitat sur (dentro de
Europa). De aí que se deseñara e se estea aplicando pola Xunta un
ambicioso Plan de recuperación do salmón. No caso específico do
Lérez, as principais accións que se levan a cabo son a mellora da
accesibilidade, medidas de redución da mortalidade por pesca e un
programa de mellora das poboacións mediante repoboacións con
individuos de orixe autóctona (como a realizada hoxe).
O conselleiro salientou ademais o éxito do Servizo de Protección da
Natureza (Seprona, da Garda Civil) e dos axentes da Dirección Xeral
Conservación da Natureza na loita contra o furtivismo, que supón
unha ameaza para esta e outras especies piscícolas.
Centro Ictioxénico de Carballedo
En relación coa recuperación desta pesqueiría, Juárez falou tamén en
Campo Lameiro da necesidade do reforzo das repoboacións de salmón
autóctono nados nas piscifactorías galegas, neste caso no Centro
Ictioxénico de Carballedo, que constitúe unha parte fundamental dos
traballos de conservación desta especie en Pontevedra e que ven
realizando un importantísimo labor neste sentido. Así, o conselleiro
dixo que desde 1997 tódolos salmóns soltados desde Carballedo van
marcados, o que permite realizar un axeitado seguimento das
poboacións, grazas tamén ao labor das estacións de control de peixes
migratorios, o control das pesqueirías, os inventarios piscícolas e
a colaboración con universidades e organismos nacionais e
internacionais.
De feito –engadiu– de todos os exemplares soltados desde 2002 ata
hoxe recapturáronse preto de mil adultos, obténdose tamén recapturas
no mar, algunhas delas mesmo en lugares tan afastados como
Groenlandia (a 4.000 quilómetros de Galicia) ou no Mar de Noruega.
Toda a información recompilada pola Consellería indica que as
repoboacións realizadas nos ríos de Pontevedra contribuíron de xeito
notable á recuperación que desde o ano 2000 se detectou nestes ríos,
tralo severo declive sufrido a finais dos anos 80. A produción de
salmón neste centro de Carballedo durante os últimos 13 anos case
acada os 2 millóns de exemplares, e nos últimos 5 anos soltáronse
entre 100 e 276 mil xuvenís en distintas fases, salientando o
notable nivel de supervivencia, que nos últimos anos rolda o 70%.
En relación con este centro ictioxénico, o traballo cara ao futuro
pasa, segundo o conselleiro, por consolidar o establecemento de
liñas de cultivo de troita autóctona, continuar co estudo da
viabilidade das repoboacións con reo e afianzar o seu papel como
banco de xenes vivo.
Capturas de salmón
Juarez deu conta neste acto de que a pasada tempada se cumpriu o
cupo de capturas nos ríos salmoneiros galegos, cun total de 169
exemplares (algo máis do dobre que nas de 2009 e 2010). Dixo ademais
que nesta campaña vanse soltar en tódolos ríos galegos arredor de
uns 260.000 xuvenís de salmón, a maioría (uns 230.000) nos ríos de
Pontevedra, e deles uns 125.000 especificamente no Lérez.
Canto á
tempada de 2012 de salmón, o conselleiro avanzou que se prolongará
dende o 1 de maio ata o 31 de xullo e non haberá modificacións no
cupo de captura en relación coa campaña anterior en ningún río
galego. |