|
O conselleiro do Medio Rural,
Samuel Juárez, acompañado do director xeral de Conservación da Natureza,
Ricardo García-Borregón, e outras autoridades, asistiu á solta de 15.000
pintos de outono (alevíns de salmón) no río Lérez.
A solta foi realizada por axentes de Conservación da Natureza no refuxio
de Cutián, no concello pontevedrés de Campo Lameiro.
Neste acto, o titular de Medio Rural salientou a importancia dos
traballos de repoboación nos diferentes cursos fluviais de Galicia e, de
maneira particular, os que se veñen desenvolvendo para a recuperación do
salmón atlántico no Lérez, tendo en conta a especial sensibilidade desta
especie no límite do seu hábitat norte.
Juárez referiuse tamén ao furtivismo como inimigo e ameaza para esta e
outras especies. Lembrou que no Lérez produciuse, precisamente este ano,
un caso que tivo bastante repercusión e destacou o éxito do Seprona e
dos axentes de Conservación da Natureza na loita contra este mal.
O conselleiro indicou, ademais, a necesidade de reforzar as repoboacións
de salmón autóctono nados nas nosas piscifactorías, neste caso no Centro
Ictioxénico de Carballedo.
Os traballos de repoboación de salmón no Lérez comezaron nos anos 90,
realizándose melloras na accesibilidade, labores de reducción da
mortalidade e repoboacións propiamente ditas. Entre 1997 e 2009
soltáronse un total de 850.000 xuvenís de salmón neste río. Todos
marcados, para facer unha valoración do proceso e calcular a taxa de
recaptura.
Trasladáronse desde a Estación de Bora á piscifactoría de Carballedo 160
adultos de salmón (95 femias e 65 machos), recapturándose ata o de agora
algo máis de 300 exemplares. A taxa de recaptura varía entre 1 e 2
adultos por cada 1.000 xuvenís soltados. |