|
O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE DEU A COÑECER ÁS SOCIEDADES DE PESCA
FLUVIAIS O MODELO DE PLAN DE ORDENACIÓN DOS RECURSOS PISCÍCOLAS, QUE
SERÁ UN INSTRUMENTO FUNDAMENTAL PARA MELLORAR A SÚA XESTIÓN
-
O titular de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e o director xeral de
Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, mantiveron un encontro
con representantes das sociedades de pesca fluvial cos que asinaron
os convenios para renovar a concesión dos permisos de pesca
-
Na xuntanza foi presentado o plan de ordenación da conca do río
Arnoia (Ourense), o primeiro que se elabora, mentres que a
consellería está tramitando outros 25 plans
-
Os plans recollerán o ámbito territorial de aplicación, o estado de
conservación, un inventario piscícola, as directrices de xestión dos
recursos (réxime de protección, medidas de conservación e criterios
orientadores) e o período de vixencia, que estipulará o calendario
de actuacións e investimentos
-
A consellería mantén nestes días un operativo de limpeza dos ríos e
aumentará no 2009 as axudas ás sociedades de pesca
Santiago, 9 de febreiro de 2009.-
O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel
Vázquez, e o director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito
Reza, presentaron o novo modelo dos Plans de Ordenación Piscícola
nos que está a traballar a consellería. A presentación realizouse
nun acto celebrado en Santiago coas sociedades de pesca fluvial par
asinar os convenios para a renovación da concesión dos permisos de
pesca.
A consellería está tramitando sete plans en Ourense; cinco na
Coruña; nove en Lugo e catro en Pontevedra, ademais do da cunca do
río Arnoia, en Ourense, o primeiro que xa está elaborado e que conta
cun orzamento de 1,7 millóns de euros para os próximos cinco anos.
Estes plans de ordenación teñen por obxectivo:
Ø
Avaliar
o estado ecolóxico do medio acuático e das poboacións piscícolas
existentes
Ø
Regular
o seu aproveitamento da conca para unha óptima xestión de recursos
Ø
Adoptar
medidas de fomento e protección da fauna e do ecosistema acuático en
xeral
O director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza,
avaliou estes plans como un paso necesario para asegurar a xestión
sostible, partindo da base dunha diagnose real. Reza afirmou que só
deste xeito se pode asegurar a sostibilidade da pesca fluvial e
adaptar a xestión as existencias poboacionais, polo que nos plans se
propoñen tamén unha serie de medidas a medio prazo para fomentar os
recursos.
Os plans de ordenación recollerán o ámbito territorial de
aplicación, o estado de conservación e calidade fisicoquímica e
biolóxica, que analizará o estado da vexetación, os usos do solo, os
obstáculos e impactos, así como os vertidos. Tamén contemplará un
inventario piscícola, as directrices de xestión dos recursos (réxime
de protección, medidas de conservación e criterios orientadores) e o
período de vixencia, que estipulará o calendario de actuacións e
investimentos.
O titular de Medio Ambiente indicou, ante o inicio da temporada de
pesca da troita e do salmón no río Eo o próximo 15 de marzo, que o
obxectivo dos plans é lograr un estado óptimo da calidade das augas,
así como da rehabilitación das ribeiras e dos ecosistemas,
recuperando as especies piscícolas autóctonas. Manuel Vázquez
destacou o esforzo realizado nos últimos anos para a mellora dos
ríos galegos, principalmente no que se refire ao saneamento para a
mellora da calidade das augas.
Así, entre as actuacións realizadas Vázquez destacou que, nada máis
iniciar a lexislatura, a Consellería de Medio Ambiente suspendeu
os trámites de 32 novas concesións de aproveitamentos
hidroeléctricos na conca Galicia Costa, de competencia autonómica.
Tratábase de 24 novos saltos e outros 8 de ampliación de caudal en
concesións que xa estaban en explotación. Complementariamente a esta
medida adoptouse o acordo de proceder á tramitación de 9 expedientes
de caducidade que afectaban a outras tantas concesións.
Vázquez tamén salientou a posta en marcha do Plan de Control de
Vertidos, que permitiu facer unha diagnose da situación real dos
ríos e reducir á metade os vertidos detectados, e o
plan de saneamento, no que Medio Ambiente está a investir 825
millóns de euros na construción, ampliación e mellora de 76
depuradoras de ríos e rías de Galicia. Ademais, subscribíronse
convenios con máis de 50 concellos para mellorar o saneamento,
fundamentalmente nas zonas rurais. Neste sentido, a consellería ten
previsto investir 100 millóns de euros na creación de novas
infraestruturas e modernización das actuais.
O responsable de Medio Ambiente referiuse aos traballos de limpeza
dos ríos, que se están a realizar nestes días, nos que ducias de
brigadas, formadas por un total de 500 persoas, que están a
acondicionar as canles dos ríos. Vázquez explicou que se trata dun
plan de choque ao que Medio Ambiente destina oito millóns de euros
para crear emprego, pero tamén para contribuír ao mantemento das
ribeiras e das canles dos ríos.
A labor nos ecosistemas fluviais abordouse tamén nos últimos dous
anos a través dos plans de recuperación, nos que a consellería
investiu cinco millóns de euros. Así, puxéronse en marcha proxectos
recuperación da fauna autóctona e se están a mellorar algúns centros
ictiolóxicos como O Veral, en Lugo, que está chamado a ser o gran
Centro Ictiolóxico de Galicia, cun investimento de case 500.000
euros.
O conselleiro de Medio Ambiente asegurou que, aínda que queda moito
por facer, nos últimos anos os ríos galegos superaron “unha
situación que ía en franco deterioro”. A este respecto afirmou que
Galicia “nunca máis vai ser un país no que verter aos ríos e rías
salga gratis”.
Sociedades de pesca
Galicia conta con aproximadamente 80.000 pescadores con licencia; 41
sociedades de pesca e 132 cotos, polo que o papel das sociedades son
pezas fundamentais deste sistema e teñen un papel importante que
desenvolver. Por este motivo, a axuda que reciben da Consellería de
Medio Ambiente vaise incrementar neste ano ata os 200.000 euros,
25.000 euros máis que nos últimos dous anos. |