|
Os/As abaixo asinantes, fondamente
preocupados polo deterioro do río Sar, MANIFESTAMOS:
- Como calquera outro río, o Sar constitúe un ecosistema que en si mesmo
debe estar caracterizado por uns parámetros fisico-químicos que permitan
a vida animal e vexetal en toda a súa diversidade, así como o consumo e
uso da súa auga pola nosa propia especie. Sen embargo a utilización do
cauce do Sar como un vertedoiro de refugallos foi incrementándose nos
últimos trinta anos, de tal forma que é causa ano tras ano de
considerables mortandades nas especies que habitan este ecosistema. Non
se ve unha manifesta determinación por parte dos poderes públicos para
poñer fin a esta situación de deterioro, limitándose ata agora a boas
palabras e mesmo a poñer a etiqueta de LIC a este río, mais sen unha
xestión consecuente deste LIC, como se os problemas se resolvesen por si
sós, antes polo contrario miopes políticas locais permitiron a ubicación
de industrias e vivendas en zonas con alto risco de inundación coas
consecuencias de todos coñecidas, ademais de incrementar os problemas
ambientais.
- Esta degradación
do ecosistema, nefasta para as diversas especies animais e vexetais,
tamén pode ser causa de problemas de saúde nas persoas.
Abonda de abandono, de mirar para outro
lado, da perpetuación deste deterioro.
- Ao mesmo tempo
compre sinalar que o Sar é moito máis ca un río. Ao longo das súas
ribeiras mosteiros e igrexas, pazos ou castros son unha permanente
lección de historia, da historia do noso país, de nós mesmos. O Sar foi
o camiño pretendido polos normandos para buscar as riquezas de
Compostela e anteriormente, segundo a tradición, polas súas ribeiras os
discípulos de Santiago levaron o seu corpo de Padrón ao Campus Stellae.
Ao pe do Sar os suevos situaron a sede episcopal de Iria e as súas
paisaxes foron a fonte de inspiración dunha das grandes figuras da nosa
cultura: Rosalía de Castro. O Sar é cultura e historia, e pode ser fonte
de recursos e de creación de riqueza.
Polo devandito e considerando
que:
- o artigo 43 da
vixente Constitución española recoñece o dereito á saúde, e que
corresponde aos poderes públicos tutelar a saúde pública mediante as
correspondentes medidas preventivas e no seu caso correctivas
- o artigo 45 da vixente Constitución española recoñece que todos temos
dereito a disfrutar dun medio ambiente adecuado e que os poderes
públicos teñen a obriga de defender e restaurar o medio ambiente,
- o río Sar forma parte dun espazo natural xa protexido, o LIC Ulla-Deza,
- os compromisos do Estado Español coa Unión Europea en materia
ambiental
SOLICITAMOS
A intervención sen máis demoras das distintas administracións públicas
para reconducir esta situación. Tal intervención debe contemplar:
1.- A dotación de instalacións de depuración de augas residuais para
toda a poboación da súa cunca, con expresión de prazos concretos, e en
habéndoas, a realización de revisións periódicas para garantir o su
correcto funcionamento.
2.- A consideración especial deste ecosistema nos PXOM dos respectivos
concellos.
3.- A vixiancia permanente do cauce e ribeiras para evitar focos
puntuais de contaminación debidos a núcleos habitados, industrias,
actividades agrarias ou a calquera outra, ordenando as sancións que a
lexislación prevea no caso da vulneración da normativa, así como para o
control de calquera outra actividade irregular e tamén procurando a
erradicación de especies invasoras existentes no mesmo.
4.- A efectos da eficacia das medidas estimadas instamos ás diversas
administracións a establecer, sen demoras e con prazos concretos, unha
xestión coordenada entre si e con outras administracións, cada unha no
ámbito das súas competencias.
A efectos da mesma eficacia,
que non pode limitarse aos prazos polos que se anovan periódicamente os
nosos xestores, demandamos a participación e compromiso dos distintos
partidos políticos e a unanimidade na toma destes e outros acordos que
teñan o mesmo fin, co obxecto de garantir unha xestión continua a medio
e longo prazo.
5.- Invitamos aos nosos xestores
públicos a recuperar esta paisaxe e a establecer un itinerario
natural-cultural desde o mesmo nacemento do Sar ata a súa desembocadura,
na consideración de que o mesmo será fonte de creación de postos de
traballo e de satisfacción e de saúde para todos.
|
Nome e apelidos |
Veciño do concello de |
DNI/Pasaporte nº |
Sinatura |
Enviar a:
BAR MEXICO
A PICARAÑA
15.900 PADRON
Telf. 981 803009 |