|
Santiago,
8 de setembro de 2009
O
Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da
Consellería do Medio Rural pola que se fixan as normas dos sorteos e da
venda de permisos de pesca en coutos para a tempada de 2010.
Segundo se establece nesta norma, o prazo de presentación de solicitudes
iniciarase mañá mércores (día seguinte da publicación desta resolución
no DOG) e rematará o vindeiro día 30 de setembro ás 14:00 horas.
Para estes sorteos, que terán lugar o día 13 de novembro en cada un dos
catro servizos provinciais da Dirección Xeral de Conservación da
Natureza, poderán presentarse solicitudes individuais ou en grupo, cun
máximo de tres peticións por grupo.
Presentación de solicitudes
As
solicitudes poderán presentarse por escrito, mediante impresos
específicos dispoñibles nos devanditos servizos provinciais ou por medio
dunha aplicación informática, a través da web
https://www.xunta.es:444/pescafluvial/.
En cada servizo provincial de Conservación da Natureza realizaranse dous
sorteos; un para permisos de salmón e outro para troita, incluíndose
neste último, de ser o caso, os permisos de reo, pesca intensiva e pesca
sen morte. Xa que logo, o número total de sorteos será de oito.
Os resultados dos sorteos poderán consultarse na referida web, previa
introdución do número do DNI polo interesado.
Segundo
proceso
Unha
vez rematada a primeira escolla, os permisos sobrantes e aqueles non
retirados nos prazos fixados serán incluídos nun segundo proceso de
selección, superado o cal os non escollidos ou non recollidos serán
postos á venda nos servizos provinciais de Conservación da Natureza ata
10 días naturais antes do comezo da tempada en cada couto de pesca. |