XORNADA SOBRE A PESCA DO SALMÓN A MOSCA EN SOUTOMAIOR

Día de verán e gran participación, con varias ducias de pescadores, na xornada sobre o lance con cana de dúas mans (Spey) organizada pola Sociedade de Pesca de Soutomaior coa Dirección Técnica de Paco Porto.
José Ramón Amoedo Parada, Presidente da sociedade deu a benvida a todos.
Despois da clase teórica nun salón do Hotel Isape de Arcade, os participantes se desprazaron á Xunqueira, na desembocadura do rio Verdugo para pór en práctica a aprendizaxe sobre o Spey tradicional impartido por Roberto Caldeiro.
O Instructor EFFA, a pesar das limitacións físicas por unha inoportuna pero necesaria operación cirúrxica (tres dedos rotos) deu unha lección maxistral sobre a metodoloxía dun lance que se está poñendo de moda entre os pescadores galegos de salmón a mosca.
Caldeiro foi un por un correxindo defectos a aportando sabeduría e coñecemento. Sen dúbida, non hai como aprender cos que saben. Nin que dicir ten, que a pesar das limitacións da man, acadou os mellores lances. Por certo, Gran-Guzmán.
Como final da mañá. Alguns participantes se desprazaron á confluencia do Oitavén co Verdugo. Magnífica paraxe natural.
Quenda para o xantar. Exquisito menú (cigalas rebozadas con amendoa, cazola de peixe, carne asada e tarta de café) a prezo de amigo. Grazas Pepe.
Pola tarde, o montador Antonio Vilariño e os Artesáns Paco Porto e Jorge Rodríguez Maderal puxeron sobre a mesa e o torno as súas mellores creacións de moscas para a pesca do salmón.
Entre os asistentes, sorteáronse varios exemplares do libro “Cousas da mosca” de Trueiro Edicións.
Incluso houbo tempo para ver o repaso que lle meteu o Barça ao Madrid no Bernabeu. Si, dixen ben, o Barça ao Madrid.
Parabéns á Sociedade e á organización.