|
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica unha
Resolución da Consellería do Medio Rural pola que se ratifica o
acordo de extinción da Fundación Centro Superior Cinexético e
Piscícola de Galicia e se dispón a inscrición da mesma no Rexistro
de Fundacións de Interese Galego.
O órgano de goberno desta fundación acordou, na súa reunión do 30 de
abril de 2010, a extinción da mesma, motivada pola imposibilidade de
realización dos fins fundacionais. Segundo o establecido nos seus
estatutos, os fins desta fundación eran a investigación, fomento e
promoción das especies cinexéticas e piscícolas e a súa relación co
ambiente e, especialmente, coa flora e demais fauna silvestre,
ademais da formación das persoas interesadas nestas actividades
dentro da nosa comunidade autónoma.
A Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego,
establece (artigo 44) entre as causas de extinción das fundacións a
imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario a
tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo
protectorado, que exerce Medio Rural. O mesmo artigo establece que o
acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de
Interese Galego.
Requisitos
O acordo de extinción adoptouse de
conformidade cos requisitos formais esixidos pola normativa legal e
os estatutos da fundación, sendo aprobado por unanimidade dos
membros do padroado. No expediente tramitado consta a memoria
xustificativa da causa de extinción, así como a improcedencia da
modificación dos estatutos fundacionais e da fusión con outra
entidade da mesma natureza. Logo do informe de liquidación efectuado
pola comisión encargada ao efecto, na que se elaborou o
inventario-balance, e aprobada polo Padroado da Fundación con data
de 15 de febreiro de 2011, a Consellería, que exerce o Protectorado
da mesma, ratifica a súa extinción e a inscrición no rexistro
correspondente.
Racionalización de organismos dependentes
Esta medida enmárcase na execución do
Plan de racionalización dos organismos dependentes do Goberno
galego, aprobado en Consello da Xunta na súa reunión do 22 de abril
de 2010. O dito plan consistiu na avaliación da estrutura e
funcionamento de 64 dos 145 organismos da chamada Administración
paralela, e concluíu co mantemento (introducindo melloras) de 16
deles e a supresión ou reformulación das 48 restantes.
Os obxectivos do Plan son evitar as duplicidades que se tiñan
detectado, gañar en eficacia e en transparencia, adelgazar a
Administración paralela e que non sexan organismos autónomos os que
presten servizos e actividades que poden prestar de igual ou mellor
xeito as consellerías de que dependen, e acadar un menor custo. |