APROBADO EL PLAN DE GESTIÓN DEL ULLA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
ORDE do 12 de decembro de 2014 pola que se aproba o Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla.
De conformidade co disposto no artigo 68 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado polo Decreto 130/1997, do 14 de maio, o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra iniciou o expe­diente de aprobación do Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla.
O Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla foi sometido a participación pública durante un prazo de 20 días, anunciado no DOG nº 199, do 17 de outubro de 2014.
No prazo de participación pública recibíronse dous escritos de alegacións. As primeiras alegacións presentounas unha entidade deportiva con sede na parroquia de Cira, no con­cello de Silleda. O segundo escrito de alegacións foi presentado a título particular por un membro do Comité Galego de Pesca Fluvial e mais do Comité Provincial de Pesca Fluvial da Coruña.
Na tramitación do Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla foron oídos o Comité Provincial de Pesca Fluvial de Pontevedra e o Comité Galego de Pesca Fluvial. Ambos os comités emitiron informes favorables sobre a aprobación do plan.
Como consecuencia das alegacións presentadas, o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra acordou atender a solicitude formulada por unha entidade de­portiva no senso de modificar o réxime de pesca proposto para o tramo final do río Deza. En canto ás alegacións formuladas por un particular, no expediente consta un informe do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra no cal se xustifica a intro­dución dalgunhas aclaracións na proposta de xestión. Outras das alegacións presentadas a título particular competen á normativa de pesca que se publica cada tempada e non ao que debe ser un plan de xestión de recursos piscícolas ou ben susténtanse en opinións persoais sen datos nin aval técnico que permita confrontalas coa argumentación técnica contida no plan.
A tramitación do expediente de aprobación do Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla axustouse ao establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e ao Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.
Con suxeición ao establecido no artigo 68 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, a Con­sellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é o órgano competente para a apro­bación dos plans de xestión de recursos piscícolas.
En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de auto­nomía, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Aprobación do Plan de xestión da pesca fluvial
Apróbase o Plan de xestión da pesca fluvial nas augas salmoneiras do río Ulla.
Disposición adicional única
O contido íntegro deste plan poderá consultarse nas dependencias da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestru­turas, sitas en San Lázaro, s/n, en Santiago de Compostela, así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: http://www.cmati.xunta.es/ na parte de pesca fluvial
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2014

volver a índice de especiales