|
Santiago, 24 de
agosto 2011.-
A Consellería do Medio Rural, como departamento competente en materia de
conservación da natureza, aplica a Lei /1992, do 24 de xullo, da
Pesca Fluvial de Galicia, na defensa e fomento da riqueza piscícola
diante da mortalidade de peixes no río Ulla ao seu paso polo concello
lugués de Monterroso que, segundo as primeiras estimacións provisionais,
puido deberse a un fallo nas instalacións da Depuradora de Augas
Residuais do citado municipio.
Tal e como establece a mencionada lei, no seu título cuarto (artigo 28),
de “control e policía de augas continentais”, corresponde aos axentes
facultativos medio ambientais de Conservación da Natureza velar polo “cumprimento
dos preceptos establecidos nesta lei e denunciar as infraccións que
contra a mesma se produzan, tendo, a tales efectos, a consideración de
axentes da autoridade”.
Tamén de acordo coa normativa vixente, o expediente aberto por estes
axentes seguirá o procedemento legal habitual. Será o Servizo Xurídico
Administrativo do departamento territorial de Lugo da Consellería do
Medio Rural o que se encargue de xestionar o expediente e de determinar
que vía xurídica se segue, tras demandar ás partes implicadas a
información que estime oportuna para a resolución do devandito
procedemento.
Se así se considera o instrutor, o caso podería pasar á Fiscalía por un
presunto delito ecolóxico, pero cómpre salientar que o feito de abrir o
correspondente expediente por parte de Medio Rural non presupón que o
procedemento derive, necesariamente, en sanción ou que pase á Fiscalía.
Isto será algo que determine a marcha do propio proceso.
Procedemento legal previsto
Sobre
este tema, o conselleiro Samuel Juárez, respondendo a preguntas dos
medios de comunicación, remarcou hoxe no Courel, que é obriga e
competencia de Medio Rural vixiar a conservación da fauna e flora dos
ríos. Subliñou que “a apertura do expediente é un procedemento legal
previsto para investigar e depurar responsabilidades sobre o dano
causado nun entorno natural, que se ten que desenvolver e sacar
conclusións”. “O que non se fai desde a Consellería do Medio Rural é
prexulgar o que se deriva do expediente”, asegurou.
Así mesmo, Juárez sinalou que lle sorprende que “se lle bote a culpa á
Xunta, cando a instalación é de titularidade municipal”. Apostilou que
“cando un político é responsable de algo ten que asumir esa
responsabilidade, ao tempo que explicou que o feito de que un
responsable político pida axuda ou colaboración a outra administración
para resolver un problema non lle exime da súa responsabilidade”.
Peixes
mortos
A
aparición de peixes mortos nun tramo do río Ulla ao seu paso polo
concello lugués de Monterroso puido deberse, segundo as primeiras
estimacións provisionais, a un posible fallo na depuradora que tería
causado unha obstrución nos condutos das augas residuais, razón pola cal
as augas sen tratamento foron parar ao río. Ata o de agora téñense
recollido uns 1.300 exemplares de troita, incluíndo as recollidas esta
mañá.
Pendentes aínda de confirmación definitiva, estímase que a falta de
osíxeno na auga, producida pola contaminación orgánica, pode ser unha
das principais causas destas mortes, consecuencia dese posible fallo na
estación depuradora. Ao tempo, non se desbota que as treboadas incidisen
tamén na calidade da auga, ao verse a EDAR sobresaturada pola excesiva
cantidade de caudal que foi parar ás súas instalacións.
Os técnicos de Medio Rural traballaron, dende o pasado luns, nas tarefas
de retirada dos peixes mortos nas proximidades do tramo de 1,5
quilómetros do río Ulla afectado. Os exemplares recollidos trasládanse
ao Centro do Veral, onde se están a estudar, a través de necropsia e
análises toxicolóxicas, diferentes mostras dos mesmos, para determinar
as causas da mortalidade. Algúns dos peixes que xa están no centro foron
conxelados para o seu posterior análise, antes da eliminación dos restos
por parte dun xestor de residuos autorizado.
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLLERÍA DO MEDIO RURAL. |