|
DOG Núm. 39
Venres, 24 de febreiro de 2012
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Resolución do 10 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de
Conservación da Natureza, pola que se crea o couto de pesca lagoa
Mina Mercedes V no concello de Valga.
Antecedentes.
De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de
ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos
continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo
Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra iniciou o
expediente de creación do couto de pesca Lagoa Mina Mercedes V, logo
de solicitude do Concello de Valga.
No expediente de creación do couto de pesca lagoa Mina Mercedes V
consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial de
Pontevedra.
O expediente de creación do couto de pesca lagoa Mina Mercedes V foi
sometido a información pública mediante Resolución do 21 de outubro
de 2011, publicada no DOG núm. 221, do 18 de novembro de 2011. Neste
trámite de información pública non se presentaron alegacións.
Consideracións legais.
O expediente de creación do couto de pesca lagoa Mina Mercedes V
cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de
pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se
aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos
ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de
aplicación.
A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para
resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992, do 24 de
xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo
que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos
ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 44/2012, do 19
de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Resolución.
De conformidade con todo o anterior, resolvo crear o couto de pesca
lagoa Mina Mercedes V, situado no lugar da Torre, parroquia de
Campaña, concello de Valga, cos límites e a normativa que a seguir
se establecen:
– Zonificación do couto:
Tramo 1.
Situación e límites: situado na beira oeste da lagoa e nel están
instaladas na actualidade dúas plataformas flotantes, que marcan os
límites deste tramo.
Lonxitude aproximada: 151 m.
Tramo 2.
Situación e límites: situado na beira nor-noroeste da lagoa, comeza
na plataforma flotante situada ao noroeste da lagoa e transcorre
pola beira norte ata 30 m antes da esquina onde remata esta.
Lonxitude aproximada: 108 m.
Tramo 3.
Situación e límites: transcorre dende o límite do tramo anterior,
situado nos últimos 30 m do extremo nordés da lagoa, ata o punto
situado a 50 m da esquina sur da lagoa, ao longo de toda a beira
leste, entre a lámina de auga e o paseo peonil que percorre toda
esta beira.
Lonxitude aproximada: 357 m.
Tramo 4.
Situación e límites: situado na beira sur-suroeste da lagoa, desde o
límite do tramo anterior, a 50 m da esquina sur da lagoa, ata a
plataforma flotante que delimita o comezo do tramo 1.
Lonxitude aproximada: 183 m.
– Normativa do couto:
Clasificación: couto de pesca sen morte.
Especie principal: troita arco da vella.
Engados: autorízanse unicamente a mosca artificial, nas súas
distintas modalidades, e a culleriña, en ambos casos cun só anzol e
sen arponciño. Prohíbense para todos os efectos os engados naturais.
Canas: autorízase unha soa cana por pescador.
Períodos e xornadas hábiles: segundo a orde anual de pesca
continental.
Número de permisos de pesca: 15 permisos diarios como máximo.
Adxudicación dos permisos de pesca: no tramo 1 terán prioridade para
obter permisos de pesca as persoas menores de 16 anos ou maiores de
65 anos, e as persoas discapacitadas. Quen non pertenza a estes
colectivos poderá acceder en función da existencia de permisos
sobrantes.
Outras normas: logo de autorización expresa do Servizo Provincial de
Conservación da Natureza de Pontevedra, poderá practicarse a pesca
con extracción nos tramos que se establezan na citada autorización.
A lagoa poderá ser utilizada en calquera época do ano para
actividades de escolas de pesca, logo de autorización do Servizo
Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra. A Dirección
Xeral de Conservación da Natureza poderá reservar a totalidade ou
unha parte dos permisos de pesca para actividades colectivas, con
solicitude previa en que figurarán as datas, o horario e a relación
de participantes inscritos.
Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1,
114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, a interposición do recurso de
alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas no prazo de un mes, contado desde o día seguinte ao
da publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2012.
Ricardo García-Borregón Millán, Director xeral de Conservación da
Natureza |