PLAN DE XESTIÓN DO XALLAS

As ofertas á redacción do Plan de xestión dos recursos piscícolas do río Xallas nos tramos de Dumbría e Mazaricos, licitado por 72.000 euros, poderán presentarse ata o 10 de xuño

A Consellería de Medio Ambiente licitou no Diario Oficial de Galicia este contrato cuxo prazo de execución é de 36 meses

O dito documento deberá centrarse na análise das poboacións piscícolas, o hábitat e os aproveitamentos, co fin facer compatible a sustentabilidade e os posibles aproveitamentos

Santiago, 30 de maio de 2015.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, vén de licitar no Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150525/AnuncioO143-190515-0001_gl.html) a redacción do Plan de Xestión dos recursos piscícolas no tramo do río Xallas afectados polo encoro de Fervenza, nos concellos de Dumbría e Mazaricos, por un importe de 72.000 euros. Así, as empresas interesadas en presentar a súa oferta a este contrato de redacción dispoñen ata o 10 de xuño para remitilas.

Con este documento preténdese obter un instrumento de planificación da pesca fluvial para o tramo situado augas abaixo do encoro da Fervenza, que no seu momento foi afectado polos lodos vertidos desde o encoro e que estaban acumulados no fondo.

O plan de xestión configúrase co fin de deseñar unha estratexia que asegure a sustentabilidade dos aproveitamentos compatible coa conservación e o bo estado das poboacións piscícolas. O prazo de execución é de 36 meses.

Tamén se incluirá un plan de seguimento anual e ambos documentos (o plan de xestión e o de seguimento) axustaranse á lexislación vixente, concretamente ao contido da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial e ao Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos e continentais.

Así, o Plan de xestión, incluirá como mínimo, os apartados que contempla a normativa vixente en materia de pesca fluvial como os obxectivos a cumprir coa planificación, un inventario do recurso ictícicola e dos hábitats, usos e aproveitamentos, plan de pesca, actuacións de fomento e protección dos recursos piscícolas, plan de vixilancia, plan de financiamento ou período de vixencia, entre outros.

En canto ao Plan de seguimento das poboacións piscícolas, este levarase a cabo durante as dous tempadas seguintes, co fin de avaliar a idoneidade das medidas de xestión e o plan de pesca propostos no Plan de xestión. O seguimento limitarase en principio aos tramos fluviais acoutados (4 puntos de mostraxe) e reflectirase nos informes pertinentes. O informe final recollerá as recomendacións pertinentes sobre os cambios que deberán facerse sobre o Plan de xestión á vista dos resultados obtidos.

Xunta de Galicia