COMUNICADO DE PRENSA DA SOCIEDADE DE CAZA E PESCA DE XUVIA

O mércores 3 de setembro, nun operativo no que participaron dando apoio e proporcionando información membros da Sociedade de Caza e Pesca Xuvia, foi identificado e denunciado un furtivo que se atopaba pescando con artes de pesca submariña no río Xuvia.
A hora da denuncia foi aproximadamente as 23:30 h.
O lugar do apreixamento foi a zona da Ponte de Vieiras, situada na Parroquia de Pedroso, concello de Narón (A Coruña)
No momento de darlle o alto, o furtivo portaba un completo equipo de buceo con traxe de neopreno, sistemas de iluminación de gran potencia, gafas de bucear e fusil de pesca submariña. Estes dous últimos elementos foron arroxados ao río durante a persecución posterior e no momento de redactar este comunicado a gardería está a buscalos no fondo do cauce fluvial.
Decomisóuselle tamen unha bolsa de rede, que se ben no momento da detención non contiña peixes, non é aventurado supoñer que foran arroxados ao río durante a persecución.
Este suxeito foi identificado por axentes do corpo de Policía Nacional da comisaría de Ferrol-Narón que se presentaron no lugar dos feitos.
Reseñar que o individuo en cuestión (coñecido nos ambientes de pesca como Couce) é segundo fontes de Medio Rural un vello coñecido da gardería de varios ríos galegos entre os que se atopan o Eume (de onde é nativo), o Mandeo e o Lambre. Así mesmo foi tamen denunciado en varios ríos asturianos por estas practicas furtivas.
A nosa noraboa á gardería de Medio Rural, que non escatimou en medios e rapidez de actuación pola captura deste perigoso depredador fluvial.
Esta felicitación faise extensiva aos socios que deron cobertura loxística e información para poñer fora de circulación a este perigoso delincuente medioambiental.
Poñer énfase en que estes comportamentos, aparte de ser moralmente censurables, están considerados falta moi grave na lexislación de pesca fluvial. Por outro lado consideramos que o feito denunciado sería constitutivo de delicto medioambiental por perpetrarse en época de veda.
Finalmente poñer de manifesto, que esta sociedade fará todo o posible por desterrar estes comportamentos do río Xuvia, colaborando coa gardería para este fin.

volver a indice de especiales