TEMPADA DE PESCA 2007 NO COUTO DE XUVIA


O Río Xuvia con 167 capturas de reo, entre os primeiros de Galicia

Finalizada a tempada de pesca 2007 a Sociedade de caza e pesca Xuvia pretende facer unha reflexión acerca dos acontecementos mais relevantes que marcaron o desenrolo da mesma.
En primeiro lugar hai que destacar que si algo caracterizou esta tempada foi o alto grado de variabilidade que presentaron as circunstancias meteorolóxicas, factor este que indubidablemente marcou o ritmo das capturas. Está claro que a partires do mes de Xullo, no que esta variable se estabilizou, as capturas non tardaron en chegar. E si ben nunca se pesca todo o que un quixera, hai que sinalar que durante os meses de verán, fixéronse a mosca pescatas que recordaban a tempos pasados, que contrastaban cun inicio de tempada bastante floxo.
Por outro lado hai que sinalar que hai un elemento que posiblemente distorsionou o ritmo de capturas no couto e que foi o inicio das obras do paso de peixes da Presa do Rei, que si ben indubidablemente axudou  a aumentar a densidade de peixes na zona baixa do río, por outro lado dificultou a pesca nesta zona baixa do río polo efecto do stress nos reos presentes nestas altas densidades. Este efecto, incluso coa escala antiga en uso xa era coñecido para os pescadores do Xuvia dende hai anos pois a operatividade da escala era moi limitada en situacións de augas baixas.
Por outro lado, a dispoñibilidade de caudal ecolóxico no tramo comprendido entre a Presa do Rei e a restitución de augas da canle de Galicia Textil é irrisoria, có que a distancia real para a práctica da pesca neste tramo baixo redúcese moito.
Esperemos que estes dous  factores  sexan algo do pasado agora que xa funciona o novo paso de peixes. Esta obra, por outro, lado repercutirá nun mellor coñecemento da dinámica das poboacións de peixes migradores no río Xuvia, por canto vai dispor dun mecanismo contador de peixes, co que as suposicións obtidas a partir de extrapolacións de datos de capturas, rematarán en canto dispoñamos de datos reais.
En canto ó dato de capturas sinalar que por moitos motivos, fundamentalmente a ausencia real de gardería nos últimos anos no río na tempada estival, por estar destinados a incendios, os datos (interpretados tendenciosamente) apuntaban a un desastre poblacional das existencias de reos na cunca do Xuvia. Defraudando estas análises apocalíticas  os datos de capturas deste ano (167 peixes, recordamos) fálannos dunha poboación moi estable de reos nesta cunca, que se completa cunha presencia testemuñal de salmón (tres exemplares detectados no ano pasado, un neste ano, e citas de capturas de alevíns desta especie por toda a cunca do Xuvia), que evidentemente non podían ser mensurados nos boletíns de capturas por non haber gardería dedicada a este traballo. Pois ben, aínda empezando a súa dedicación con retraso (o guiado sistemático comezou no mes de xullo) os resultados están á vista. Unha felicitación para o bon facer do Sr Hermida, que aparte está a poñer no seu sitio a determinados elementos que fan da pesca con ventaxa (vedados, pesca con retropala... Si, si, con retropala, leron ben) un arte. Esperemos que as sancións conseguintes teñan o efecto corrector  preciso.
A conclusión é que non había tan poucos reos o ano pasado, nin tantos este, e que os datos numéricos son todo o asépticos que queiramos. A realidade e que o Xuvia está soportando as agresións dun malentendido progreso cunha fortaleza que abraia.
Outro tema no que queremos entrar é o de aqueles que facendo uso do couto de  pesca sen morte de San Sadurniño, estanse a dedicar ó seu esquilmado sistemático, privando ós demais afeccionados que o usan do seu lexitimo dereito a divertirse. En fin, que antes ou despois as sancións os poñeran no seu sitio.
Aparte destes datos de capturas guiados, e moi importante ó noso xuízo a cantidade de peixes pequenos (1 ano de mar) que se avistaron e pescaron no río, e evidentemente se voltaron á auga en razón da súa pequena talla ( 24-27 cm) que non acadaba a talla legal de captura. Estes peixes xa eran visibles na época do descenso ó mar durante o ano pasado, cando eran visibles grandes cardumes dos mesmos. Esta cantidade de peixes pequenos é un factor que nos permite mirar cara ó futuro con esperanza e alonxarnos das previsións apocalíticas que algúns verteron mediada a tempada.
Pero non todo ían ser boas noticias, esperamos que estes bos resultados da tempada non fagan que as diversas administracións competentes se volten optimistas en exceso, e non esquezan os problemas graves que ten o río, coma son:
- Contaminación difusa por pequenos vertidos domésticos, granxas, puríns, fertilizantes agrícolas e fitosanitarios mal aplicados.
- Contaminación crónica de pequenos núcleos, no caso de San Sadurniño en vías de solución có funcionamento dunha nova depuradora.
- Contaminación industrial (Intasa)
O feito é que a pesares de que todos estes factores veñen de antigo, polo momento os pescadores esperamos que se lles poña remedio.
Agora como tema mais apremiante, somente queda esperar que a escala cumpra o seu cometido e que o gran número
de peixes que sobreviviron á tempada de pesca, ascendan río arriba a completar o seu ciclo vital.

Sociedade Caza e Pesca Xuvia.

volver a indice de especiales