XI CAMPIONATO CIDADE DE NARÓN-MOSCA

A edición deste ano foi a décimo primeira que organiza a Sociedade de Caza e Pesca Xuvia.

O lugar da competición foron os coutos do río Xuvia: o Couto de Xuvia e o Couto de San Sadurniño, baixo a modalidade de captura e solta.

Participaron 34 pescadores chegados de puntos tan dispares como León, Asturias e diversos puntos da xeografía galega.

A proba deu comezo ás 9:00 h. logo dunha reunión para o almorzo e entregar a documentación aos participantes na Cervecería Marvil.

Entre os competidores atopábanse varios membros da selección galega de pesca. Tanto este feito como a presencia de outros pescadores de recoñecido prestixio dáballe un  elevado caché á proba, trascendendo o seu inicial espíritu de campionato social.

A proba desenvolveuse con total normalidade, cun número abondoso de capturas (176 troitas) e tamén hai que reseñar o feito de que ningún participante fixera bicicleta (doble cero).

Na manga da mañá hai que destacar que todos os tramos renderon capturas en abundancia pese a que foi comentario común o escaso tamaño das capturas, posiblemente polo baixo nivel das augas, feito mais acentuado no couto sen morte, que en moitos tramos está baixo mínimos.

Tamén na manga da mañá hai que destacar a presenza de formigas voadoras nalgún dos tramos, feito que fixo despegar ás troitas e facilitou a súa captura con imitacións de terrestres.

No mediodía houbo unha parada técnica para repoñer forzas nun xantar na Parrillada Riboira de Lamas.

A manga da tarde caracterizouse por un inicio tórrido, cunha calor case tropical que aplatanou as troitas en moitos dos tramos. De novo as imitacitacións de terrestres foron as moscas mais rendibles.

No final da tarde, a pique de entrar no sereo, a entrada dunha fronte fría e a brusca baixada de temperaturas estragaron as ilusións dos participantes do segundo turno, ralentizando as capturas de forma brusca.

No anectotario do día destacar as persecucións ás que foi sometido Vicente Pico, Papito, por parte dos parrulos lavancos que viven na parte baixa do río. Tanto o quitaron das súas casillas que están pensando en cambiarlle o nome garimoso de Papito polo de Patito.

Clasificación:

1º.- Rafael Bellas

2º.- José Manuel Baldonedo

3º.- Eloi Saavedra

4º.- Daniel Mera

5º.- Rubén Brage

6º.- Carlos A. Sánchez

Peza maior: Eduardo Fuentes

Maior nº de pezas: Rafael Bellas

A entrega de premios tivo lugar na Cervecería Marvil onde se degustou un estofado de xabarín preparado por Maribel e con carne procedente dos xabaríns cazados pola cuadrilla de caza maior da Sociedade.

Mención aparte merecen as marabillas de trofeos confeccionados pola artesá de Laraxe (Cabanas) Lupe Mesía, realizados en vidrio fusionado.

A organización expresou o seu agradecemento a todos os participantes e ás firmas colaboradores.

Os cinco primeiros deste campionato acadan a clasificación para o Master de Campións MiguelPesca-Gran Premio Alaska Robin Fishing, que se disputará no couto de pesca sen morte de San Sadurniño o sábado 3 de setembro. Ao estar clasificado previamente Rafa Bellas, entra no Master o sexto clasificado Carlos A. Sánchez Martinez.

volver a índice de especiales